O surf como factor clave de desenvolvemento do turismo

As potencialidades do surf en particular e do deporte en xeral como elemento dinamizador dos destinos turísticos, foi o tema a debate na Xornada celebrada onte en Ferrol e organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte e mais pola asociación local PantinClassicPro, contou ca participación da directora-xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti.

O tema do encontro era o surf como factor clave de desenvolvemento do turismo e, a este respecto, organizouse unha mesa redonda para concluír a xornada na que participaron, ademais da xerente de Turgalicia, o director do Plan Estratéxico de Surf de Euskadi, Jokin Arroyo; Juan José Rodríguez, presidente de Federación Galega de Surf, e mais o representante da Asociación Mundial de Surfistas Profesionais, Clyde Martin.

Na súa intervención, Carmen Pita resaltou que o obxectivo de Turismo de Galicia como entidade promocional en relación co deporte pasa por potenciar as diferentes disciplinas deportivas e actividades en competición ou eventos relacionados co deporte que, como oferta complementaria, reforzan aqueles destinos turísticos consolidados.

Pita explicou que “aproveitando as singularidades e características morfolóxicas que ten Galicia, así como os recursos naturais e o patrimonio vivo, a Administración Turística galega ten desenvolvido iniciativas que contribúen a pór en valor o deporte como oferta complementaria do aloxamento turístico e do destino en si mesmo”. Segundo engadiu, “o obxectivo final é acadar o crecemento do sector turístico como dinamizador da economía galega sempre con respecto á sostenibilidade e á preservación ambiental”.

Carmen Pita quixo resaltar tamén que existen disciplinas deportivas que xa constitúen en si mesmas un reclamo turístico. “A práctica da náutica en xeral e do surf en particular constitúe xa un matrimonio perfecto entre a práctica de exercicio físico e o goce da experiencia turística”, sinalou.

Doutra parte, a xerente de Turgalicia repasou os recursos do xeodestino Rías Altas-Ferrolterra que constitúe unha das áreas de Galicia con maior densidade de castelos medievais; cos cantís máis importantes do país ou con algunhas das lagoas e zonas húmidas máis fermosas de Galicia. Toda a Costa Ártabra é Lugar de Interese Comunitario (LIC) recoñecido pola Comunidade Europea no marco da Rede Natura 2000.

No que respecta ao surf, Carmen Pita comentou que a regularidade, a constancia e a garantía de ondas de grande calidade converten a Ferrolterra na mellor opción para relanzar turisticamente o territorio. A regularidade de chegada de maruxías ao longo do ano e a facilidade das súas praias para seren utilizadas con diferentes orientacións de vento e a posibilidade de surfear as súas ondas dende diferentes puntos de marea permiten que as praias se poidan utilizar durante toda a xornada para a competición.

A xerente de Turgalicia resaltou a importancia do Pantin Classic como evento de grande proxección internacional que facilita o descubrimento de Galicia por parte de deportistas do máis alto nivel de todo o mundo. Así mesmo, comentou que o importante retorno económico e mediático que proporciona este evento deportivo anualmente a Galicia é fundamental para situar a comunidade no escaparate dos escenarios deportivos mundiais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar