O BNG “combaterá” a política de Feijóo

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, avanzou que o Grupo Parlamentario do BNG “combaterá decididamente” na lexislatura iniciada este venres a política do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que non traerá “nada positivo” a Galicia e “afondará na reespañolización”.

Deste modo manifestouno o dirixente do Bloque na súa intervención aberta aos medios previa á celebración do Consello Nacional, ante o que augurou que, no futuro mandato, Feijóo “aplicará en Galicia a política de Rajoy, seguirá coa cantilena da austeridade para as clases populares e se negará a exercer as competencias que lle son propias”.

 

 

Ademais, o voceiro nacional asegurou que o presidente da Xunta “afondará na política de reespañolización de Galicia” e “seguirá mirando para outro lado mentres o país perde tecido económico e emprego a chorros”.

“O BNG combaterá esta política, á que formulará alternativas xa que para o Bloque Nacionalista Galego, Galicia non é un país pobre, senón un país empobrecido pola aplicación das políticas contrarias aos nosos intereses,”, considerou Guillerme Vázquez antes de insistir en que, “sen dúbida, o Grupo Parlamentario do BNG contribuirá a esa tarefa”.

COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN DAS CAIXAS

Precisamente, conforme avanzou o dirixente nacionalista ante o máximo órgano de decisión entre asembleas, o BNG “volverá insistir” no Parlamento na necesidade de poñer en marcha “unha comisión de investigación para depurar responsabilidades políticas e de xestión” sobre as antigas caixas galegas.

“En Galicia a crise das caixas non se pode resolver pola vía da expatriación do aforro ou a custa do sangue dos galegos”, asegurou Vázquez quen lamentou que “a solución a este desfeito financeiro segue pendente”.

Neste sentido, destacou, entre as medidas que esixirá o BNG na Cámara galega, “a devolución íntegra das inmorais indemnizacións multimillonarias dos seus directivos”, “responsabilidades penais para os xestores causantes do desfeito”, así como “a devolución do diñeiro estafado aos afectados polas preferentes”.

DEBATE INTERNO

Na súa intervención, o político nacionalista tamén explicou que, nestes momentos, “o BNG está inmerso nun proceso de debate” pero que este “non será unha paréntese da actividade nin un ensimesmamento” da formación xa que continúa “actuando politicamente”.

“É un debate que iniciamos nas asembleas comarcais cun alto grao de participación e madureza e o fin do cal é reorientar ao BNG e recuperar confianza social no proxecto nacionalista. Para iso este consello Nacional trazará a folla de ruta do inmediato futuro”, apuntou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar