A economía galega caeu tres décimas no último trimestre

 

A economía galega rexistrou unha caída de tres décimas no terceiro trimestre do ano, en relación aos tres meses anteriores, co que encadea cinco en negativo. A contracción en termos interanuais chegou ao 1,2%, dúas décimas máis que entre abril e xuño, de acordo coa información publicada este xoves polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Este retroceso segue os rexistrados nos catro trimestres anteriores, o que suporía que a economía galega entrou en recesión nos últimos tres meses do ano pasado en lugar de no primeiro trimestre de 2012, como apuntaban os primeiros datos. Este cambio, que provoca que o terceiro trimestre de 2011 pase dunha variación nula (0,0%) a un descenso de dúas décimas, débese a unha revisión dos datos, «algo habitual, segundo a Consellería de Facenda.

Deste modo, a caída rexistrada no terceiro trimestre do presente exercicio pola economía galega é unha décima inferior á experimentada entre abril e xuño (un 0,4%) e iguala o comportamento da economía española, que decreceu tamén un 0,3% entre xullo e setembro.

Na comparación interanual –respecto ao terceiro trimestre do ano pasado– o dato galego mellora en catro décimas o español, cunha contracción do 1,2%, fronte ao 1,6% de España, onde o descenso se acelerou pola caída do consumo e o descenso da inversión, no trimestre no que entrou en vigor a suba do IVE.

Así o confirman os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), que empeorou as súas estimacións sobre o comportamento do PIB no primeiro e segundo trimestre do ano. Así, segundo Estatística, a economía española contraeuse en taxa interanual un 0,7% no primeiro trimestre do ano e un 1,4% no segundo, empeorando en ambos os dous casos unha décima as súas estimacións iniciais.

En Galicia, a evolución do PIB se se toman os datos de variación interanual, mostra tamén un afondamento na recesión. Deste modo, o decrecemento foi do 0,1% no último trimestre de 2011, alcanzou o 0,6% nos tres meses seguintes, situouse no 1% no segundo trimestre de 2012 e alcanza agora o 1,2%.

Estes datos confirman, asegura Facenda, que a economía galega terá no conxunto do ano «un comportamento mellor que a española».

Polo lado da demanda, as exportacións volven facer contribucións positivas ao PIB, cun incremento do 5% en relación ao terceiro trimestre do ano pasado e tras dous trimestres en negativo. Aumentan, tamén un 1,7%, as achegas das importacións de bens e servizos.

Por a contra, a formación bruta de capital é o apartado que rexistra unha maior contracción, do 4,3%; mentres que as caídas son do 2,9% na demanda interna en termos nacionais e no gasto en consumo final das administracións públicas; e do 2,3% no gasto en consumo final dos fogares. Así, o gasto en consumo final cae, en conxunto, un 2,5%.

A INDUSTRIA RECUPERA O CRECEMENTO

Polo lado da oferta, os datos do IGE mostran que a industria volveu rexistrar crecemento, do 3,8%, no terceiro trimestre deste ano, en relación co mesmo período do ano anterior, algo que non acontecía dende o primeiro trimestre de 2010 –todos os trimestres rexistraron descensos salvo o segundo de 2011, que tivo variación nula–. Dentro desta rama de actividade, a industria manufectureira avanzou un 3,1%.

En agricultura, servizos, gandaría e pesca, o retroceso foi de tres décimas; na construción alcanzou o 3,9% e nos servizos situouse no 1,3%. Dentro deste sector, o comercio, transporte e hostalaría caeu un 2,9%; a información e comunicacións, un 2,6%; as actividades financeiras e de seguros, un 3,1%; as actividades profesionais, un 2,2%; a administración pública, sanidade e educación, un 2%; as actividades artísticas, recreativas e outros servizos, un 0,6%; e as actividades inmobiliarias mantivéronse sen variación.

Así mesmo, os datos do instituto estatístico galego indican que os impostos netos sobre os produtos retrocederon dúas décimas no terceiro trimestre e rompen unha cadea de sete trimestres en positivo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar