TAP Portugal incrementa as súas frecuencias ao Aeroporto de Alvedro

   A compañía TAP Portugal incrementará as súas frecuencias ao Aeroporto de Alvedro, mediante o acordo subscrito co Consorcio de Turismo e presentado este martes polo tenente de alcalde de Emprego e Empresa do Concello de A Coruña, Luisa Cid, e a directora xeneral de TAP Portugal para España, Victoria William.

Mediante este convenio que ten unha contía de 263.680 euros, TAP aumentará nun 33% as frecuencias entre A Coruña e Lisboa, pasando de seis a oito semanais.

Ademais, mellorará a conectividade con América, “a prezos competitivos e horarios axeitados”, segundo a Casa do Concello coruñés. Así se poderá voar dende Alvedro a Nova York, Miami, Brasília, Sao Paulo ou Río de Janeiro con conexións que non superarán as dúas horas.

Ao respecto, a directora xeral de TAP Portugal, para España, Victoria William, manifestou que dende a compañía se viu a necesidade de “darlle un pulo a esta ruta coa conectividade, potenciando as posibilidades desta liña no mercado internacional”.

AXUSTE DE HORARIOS

William explicou que por parte de TAP se realizou un “arduo traballo” e “a través dun importante axuste de horarios” conseguiuse ter unhas “condicións óptimas” para realizar conexións con Nova York ou Brasil.

Así, no que se refire ás saídas dende A Coruña, os luns, martes, venres e sábados haberá un voo ás 08.00 horas, mentres que os martes, mércores, sábados e domingos sairá un ás 10.55 horas.

En canto á ruta Lisboa-A Coruña haberá un voo ás 08.00 horas os martes mércores, sábados e domingos e outro, ás 20.25 horas, os luns, xoves, venres e domingos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar