Feijóo prioriza as vías de comunicación e o sector primario ante o Grupo Popular do Senado

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe as infraestruturas de comunicación, o sector primario e a negociación dunha aterraxe suave na retirada dos fondos da Unión Europea como as prioridades de Galicia no Senado.

Na súa intervención ante o GPP no Senado, o líder do PPdeG destacou que a Constitución española establece cauces para que os presidentes autonómicos plantexen as súas prioridades e reivindiquen as súas preferencias e, precisamente, as institucións constitucionais son o mellor marco para plantexar esas propostas.

Nesta liña, o dirixente popular indicou que, no que atinxe ás infraestruturas, os populares galegos coñecen as dificultades económicas de España pero consideran que sería pésimo para o país non rematar coas que xa están en marcha. Por iso, intentarán que as infraestruturas ferroviarias galegas e as autovías, especialmente a do Cantábrico, sexan unha prioridade na Cámara.

Así mesmo, fixo fincapé na importancia do sector primario para Galicia e, concretamente, na necesidade de volver a acadar prezos xustos no ámbito do sector lácteo, posto que España produce menos leite da que consume. Nesta liña, indicou que o Estado conta cun excelente ministro de Agricultura, pero pediu tamén aos compañeiros do Senado que presten especial atención ás políticas lácteas, agrarias e pesqueiras.

No que se refire aos Fondos Europeos 2014-2020, Feijóo pediu que tamén se prioricen as negociacións dunha aterraxe suave na retirada dos fondos para aquelas comunidades que deixan de ser obxectivo de Converxencia, como Galicia.

A GALICIA IRÁLLE BEN SE ESPAÑA INICIA A RECUPERACIÓN
O presidente do PPdeG asegurou que non é posible que a unha comunidade lle vaia ben se a España lle vai mal e, por iso, non é posible que unha comunidade medre se o país está sumido nunha profunda recesión económica.

Nesta liña, apuntou que en Galicia os populares teñen claro que á comunidade iralle ben e terá máis posibilidades de crecemento se España inicia unha recuperación económica.

Segundo Feijóo, para o crecemento e para mellorar a situación dos cidadáns non hai atallos. O único camiño é a vía do rigor e da solvencia das contas públicas, que é a maior garantía para a supervivencia do Estado do Benestar e para iniciar o crecemento.

Por este motivo, os populares galegos seguirán apostando na lexislatura que entra por seguir nesa senda do equilibro das contas públicas, do déficit cero e polo principio da solvencia como inspiración das súas políticas orzamentarias.

Será, segundo Feijóo, a lexislatura do crecemento económico e da creación de emprego en base ao rigor e á solvencia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar