A obra polifónica do Padre Feijóo, editada pola Deputación de Ourense

 

 

A Deputación de Ourense presentou hoxe o libro “Padre Manuel Feijoo. Obra polifónica”, unha obra coeditada coa Asociación de antigos orfeonistas do Orfeón Terra a Nosa e Amigos do Padre Manuel Feijoo, que recolle as composicións deste músico, compositor e director coral, unha das figuras senlleiras da música tradicional galega, recoñecido con numerosos premios nacionais e internacionais.

 

O acto de presentación tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, e contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a directora de Publicacións da institución provincial, Ana Malingre; o editor Carlos Núñez Deza; Enrique Mourille, sobriño do Padre Manuel Feijoo, e Santiago López, presidente da Asociación de ex orfeonistas de «Terra a Nosa».

 

O libro destaca por ser unha completa obra que recompila o traballo musical do Padre Manuel Feijoo –misas, panxoliñas e obras varias-, ao que se aplicaron criterios de “edición histórica”, respectando a fidelidade dos manuscritos orixinais, sen adicións ou alteracións para que a música soe tal cal e como foi concibida polo creador.

 

Cabe salientar o pouco peso do libro, a pesares do seu gran formato, “pensado para interpretar e ser utilizado como partitura”, segundo destacou o editor Carlos Núñez, e ademais é de subliñar que foi editado completamente en papel ecolóxico.

 DA MÚSICA ÁS TRADICIÓNS

Rosendo Fernández afirmou que a obra musical do Padre Manuel Feijoo -natural das terras de Cartelle- “trascende o ámbito musical para darlle ao libro a fondura do poso e da expresión das nosas tradicións e da nosa cultura”. Engadiu Fernández que a Deputación de Ourense aposta sinaladamente por promover e conservar a nosa música porque é algo consubstancial á nosa cultura”.

 

A Deputación de Ourense conta unha liña editorial para publicar obras relacionadas coa música desta provincia, e xa ten publicado varios cancioneiros populares, estudos sobre corais ou asociacións musicais e tamén a obra de compositores ourensáns, coma Manuel de Dios, Camilo Andrade ou o Mestre Vide. En 2010, contratou o traballo de inventario da obra do franciscano ourensán  Padre Manuel Feijoo, de quen manuscritos están depositados no arquivo do Convento Franciscano de Santiago de Compostela, coa intención de publicar a obra musical deste compositor.

 

Os manuscritos foron catalogados, tralo cal se fixo unha análise musicolóxica e paleográfica da obra, ademais de transcribila e maquetar as partituras orixinais, un traballo que foi realizado por Carlos Núñez Deza. Agora, a Asociación Exorfeonistas do Orfeón Terra a Nosa e Amigos do Padre Manuel Feijoo colabora coa Deputación de Ourense na promoción e difusión da senlleira figura do Padre Manuel Feijoo mediante a coedición deste traballo que recolle a música deste compositor ourensán que noutra época levou o nome de Ourense polo mundo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar