Como reducir un 35 % o gasto en calefacción

 

Unha familia galega media ten un gasto en enerxía da orde de 2.600 euros ao ano, distribuídos maioritariamente entre o consumo do vehículo -50%- e a calefacción -25%-. Para rebaixar estas cifras, a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), traballa na concienciación da cidadanía sobre a importancia do aforro e da eficiencia enerxética, un campo que pode permitir aforros no eido enerxético de ata un 35% do consumo familiar adoptando medidas que non supoñen ningún custo.

Un dos factores de maior importancia coa chegada do mal tempo é o uso da calefacción, campo no que, tal e como recolle a Guía práctica de aforro de enerxía elaborada polo Inega, podesechegar a aforrar uns 350 euros anuais de media. Nesta publicación, dispoñible na web do Inega (www.inega.es), sinálase que unha temperatura entre 19º e 21º resulta suficiente para manter o confort nunha vivenda durante o día, recomendándose apagar a calefacción durante a noite xa que entón chega con que a temperatura oscile entre os 15º e os 17º. Neste sentido, cómpre salientar que, por cada grao que se aumente a temperatura, increméntase o consumo de enerxía nun 7%, o que supón un custo anual de 45 euros.

Outra medida sen custo neste campo é a optimización dos tempos de ventilación: dez minutos coas fiestras abertas resultan suficientes para renovar o aire dunha habitación. Ademais, deben evitarse tanto as filtracións de aire como o recubrimento dos radiadores con roupa que evita a difusión da calor.

Así mesmo, e fora do ámbito da calefacción, existen outros campos para aforrar enerxía nos fogares. Así, na publicación elaborada polo Inega sinálase que a baixada dun só grao na temperatura do frigorífico aumenta o seu consumo un 5%, namentres que empregar o lavalouza nun programa económico e a plena carga aforra ata un 60% de enerxía. Ademais, unha condución eficiente, o emprego do transporte público ou a planificación das viaxes pode supor aforros próximos aos 500 euros por exercicio no emprego do vehículo.

Grazas á adopción destas e doutras medidas de aforro e eficiencia enerxética é posible, que, sen investimentos adicionais e coa mesma calidade de vida, unha familia poida reducir o gasto anual ata chegar a unha media duns 2.000 euros anuais, un gasto que ascendería ata os 3.200 euros anuais de media se non se aplica ningún destes consellos.

Baixe AQUÍ a Guía Práctica

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar