Nace en Santiago un centro de referencia para a rehabilitación urbanística

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, exerceu de anfitrión na sinatura do convenio entre o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; e o presidente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción, Hipólito Trinidad Losada; para a execución dun centro de formación en rehabilitación.

Este centro, que se localizará na fábrica de curtidos na rúa de Pontepedriña de Arriba, na zona do Avío, permitirá seguir afondando na formación de novos traballadores, mellorando a preparación dos que xa están en activo, ao tempo que se avanza na investigación e divulgación da rehabilitación. Poderán beneficiarse da formación que se imparta neste centro arredor de 3.000 persoas cada ano, tanto de formación continua como para desempregados.

A Xunta achegará un total de 800.000 euros para a rehabilitación deste inmoble, adquirido pola Fundación. As obras realizaranse de forma que se conserve a tipoloxía da zona respecto da fábrica de curtidos, adaptando o conxunto aos novos usos como centro de formación en rehabilitación que se lle pretende dar. A rehabilitación conservará todos os materiais orixinais que resulten aproveitables, utilizando outros o máis similares posibles cando os existentes fosen insuficientes.

Entre os beneficios deste centro destacan o impulso da formación especializada nos traballos de construción na área emerxente da rehabilitación, a actualización profesional ou a mellora de actividades públicas de conservación do patrimonio edificado.

PRECEDENTES

A Fundación Laboral da Construción, xunto co Consorcio de Santiago de Compostela, vén impulsando dende o ano 2011 o obradoiro de enlousado, que tamén conta coa apoio e colaboración da Consellería de Traballo, destinado a formar a traballadores para levar a efecto labores de conservación e mantemento de pavimentos históricos.

A Fundación Laboral da Construción, en función do resultado desa experiencia e da idoneidade da práctica en materia de rehabilitación e mantemento de edificacións e espazos públicos patrimoniais desenvolvida en Santiago, adoptou o acordo de crear nesta cidade o seu centro de formación de referencia en materia de rehabilitación e para iso a Fundación comprou un soar para acoller o proxecto, e dispón de medios para asegurar o equipamento e funcionamento do centro

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar