Segue a vacinación contra a gripe tras a retirada dalgúns medicamentos

O director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Manuel Varela Rey, informou hoxe, en rolda de prensa, na compaña de técnicos do seu departamento, dunha serie de medidas que está a tomar a Administración sanitaria galega na súa campaña de vacinación fronte á gripe, logo de que a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, inmovilizara, de xeito preventivo, as vacinas antigripais da compañía Novartis (Chiromas e Chiroflu), por mor da presenza de partículas brancas en suspensión nalgúns lotes.

Tal e como sinalou o director xeral, dende o momento da suspensión cautelar, o pasado día 26, a Consellería de Sanidade está en permanente contacto co Ministerio de Sanidade e coa empresa Novartis, seguindo a evolución da situación. Paralelamente, Sanidade además de contactar co Ministerio, e a empresa Novartis, o fixo tamén con outras compañías farmacéuticas, para garantir a adquisición de vacinas no transcurso da campaña, no caso de que, finalmente, non se levante a suspensión.

Neste momento, -dixo o director xeral-, coa información que nos facilita tanto o Ministerio como a empresa Novartis, “podemos asegurar que, aínda que non se levantara a suspensión, a campaña continuara en Galicia con normalidade”.

Segundo referiu Manuel Varela, agárdase que, ao longo deste mes, se adopte unha decisión sobre a suspensión, “o que definirá se a nosa Comunidade pode utilizar as doses xa adquiridas a Novartis ou ten que mercar outras novas para continuar a campaña”.

Ata o de agora a campaña en Galicia avanzou con normalidade, solventándose as incidencias puntuais en menos de 24 horas. De calquera xeito, “trátase de casos puntuais” dentro dunha campaña que leva, -remarcou Manuel Varela-, “máis de 250.000 actos vacinais”.

 

NORMALIDADE

Para que a campaña continúe con normalidade, dentro das dificultades xurdidas pola situación, e á espera das novas que se producirán neste mes, o director xeral destacou que, por un lado, continuarase a vacinar a aquelas persoas que xa teñan cita para facelo no seu punto de vacinación e, por outro, adecuarase a planificación da campaña á cadencia do subministro de vacinas, e, en consecuencia, “citaranse para vacinar a todas as persoas que o soliciten a partir de hoxe, para o mes de decembro”.

Deste xeito, Sanidade quere evitar calquera molestia ás persoas que vaian vacinarse, e, -segundo o director xeral-, “grazas a esta planificación terán a seguridade de que serán vacinados no momento de acudir á citar”.

Manuel Varela lembrou que calqueira persoa vacinada dentro do período que abrangue a campaña (do 24 de outubro ao 14 de decembro) “gozará da máxima protección antes da chegada do virus a Galicia”. Neste senso, a vixilancia epidemiolóxica segue a indicar “que a onda chegará ao seu pico nos meses de xaneiro e febreiro, e que, polo de agora, non hai actividade gripal”.

En calquera caso, o director xeral agradeceu na rolda de prensa “a comprensión da cidadanía ante os trastornos que a suspensión adoptada polas autoridades españolas e europeas lles poidese ocasionar”.

GARANTÍAS

Para finalizar a súa intervención, e como conclusións á mesma, o representante da Consellería de Sanidade trasladou unha mensaxe de tranquilidade á poboación e insistiu en que en Galicia a campaña de vacinación estase a desenvolver con normalidade, dentro da situación xurdida, e remarcou que “o subministro da vacina para toda a campaña está garantido na nosa Comunidade”.

Insistiu que para adecuar o progreso da campaña coa cadencia do subministro é polo que se decidiu que as novas citacións se trasladen ás dúas primeiras semanas do mes de decembro, “o que garante unha protección ideal fronte á chegada esperada da onda nos meses de xaneiro e febreiro”.

Asemade, reiterou a importancia da vacinación, que, segundo dixo, “é o mellor mecanismo para protexerse fronte á enfermidade e evitar complicacións asociadas á mesma”. O director xeral de Saúde Pública agradeceu aos medios de comunicación o tratamento que están a facer da situación e dixo que o seu departamento seguirá a informar puntualmente do avance da campaña.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar