«Galicia Skills»: distincións a estudiantes de Formación Profesional

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe a entrega de premios do II Campionato Galego de Formación Profesional ‘Galicia Skills 2012’, que se celebrou ao longo do mes de outubro en 14 centros educativos de toda a comunidade autónoma nos que se imparte FP, e no que participaron 81 estudantes baixo a titoría de 70 profesores.

No transcurso do acto, no que estivo acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; Vázquez Abad salientou que esta segunda edición dos Galicia Skills reflicte “o éxito das reformas da Formación Profesional emprendidas pola Consellería. Unhas ensinanzas de FP nas que temos postas grandes esperanzas, posto que están chamadas a xogar un papel determinante na preparación do noso capital humano para conseguir un sistema produtivo competitivo e de oportunidades”.

 

O conselleiro en funcións agradeceu o labor e o esforzo dos docentes, así como a participación das empresas colaboradoras, representativas dos sectores produtivos relacionados coas especialidades en competición. “A súa presenza e apoio poñen en valor a calidade e o atractivo das ensinanzas de formación profesional que se imparten nos centros da nosa comunidade autónoma, motivando ao alumnado e recoñecendo e estimulando o labor do profesorado”.

Vázquez Abad felicitou, ademais, ao alumnado e ás familias polo logro acadado con estes galardóns e reiterou a aposta da Consellería pola FP e por unha educación “que proporcione ao alumnado cualificación técnica, pero que tamén o prepare nos eidos humano e intelectual para a incorporación ao mundo laboral e a unha sociedade cada vez máis complexa”.

Ademais do conselleiro, interviñeron no acto Alexandre Fondevila Rodríguez, do IES Politécnico de Vigo e medalla de ouro na skill de Fresaxe, en representación do alumnado; e Ramiro Esparís Sampedro, director do CIFP Compostela e experto da skill de Servizos de Restaurante e Bar en Galicia Skills 2012. A cerimonia de entrega foi gravada polo alumnado do IES Imaxe e son da Coruña.

Galardoados
Nesta segunda edición de Galicia Skills – que incorporou 8 novas skills- resultaron galardoados un total de 41 estudantes, 21 deles con medalla de ouro e outros 20 con medalla de prata. Os primeiros clasificados representarán a Galicia na Olimpíada Nacional de Formación Profesional, SpainSkills 2013, que se celebrará en Madrid do 13 ao 17 de febreiro de 2013. Este alumnado, xunto con tres xefes de equipo (profesores titores) e os expertos de cada skill, conformarán o equipo galego que representará a nosa comunidade autónoma en SpainSkills 2013.

Os premiados, ademais de cadansúa medalla, deseñada por alumnas e alumnos da Escola de Arte Superior de Deseño Mestre Mateo (Santiago de Compostela), recibiron un agasallo xentileza das empresas colaboradoras en cada skill do campionato. Os 81 alumnos participantes recibiron tamén un diploma acreditativo de ter participado no certame; mentres que os profesores que os acompañaron recibiron a correspondente certificación de participación nesta actividade de innovación educativa, cunha equivalencia de 15 horas de formación permanente do profesorado.

A celebración deste campionato conta co patrocinio dun importante número de empresas dos sectores produtivos relacionados coas especialidades en competición. Cómpre ter en conta que as olimpíadas galegas da Formación Profesional teñen como obxectivo a posta en valor da calidade e o atractivo das ensinanzas de formación profesional que se imparten nos centros galegos, e potenciar as relacións dos centros nos que se imparten ciclos formativos coas empresas dos sectores correspondentes. Ao tempo, búscase motivar ao alumnado para a mellora da calidade da FP, e recoñecer e estimular o labor do profesorado.

Toda a información relacionada con este evento pode atoparse en www.edu.xunta.es/fp/galiciaskills .

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar