Innovación e internacionalización, claves para o crecemento económico

De esquera á dereita, Antonio Fontenla e Ovidio Mantiñá.

 

O director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, destacou hoxe o papel clave que teñen a innovación e a internacionalización nas estratexias de traballo para acadar a senda do crecemento económico.

Odilo Martiñá participou hoxe en Santiago no seminario sobre “A xestión da prevención de riscos laborais nos procesos de internacionalización das empresas’” celebrado na Confederación de Empresarios de Galicia e no que estivo acompañado polo presidente da entidade, Antonio Fontenla.

Salientou a importancia de que a seguridade e a saúde laboral sigan a ser un obxectivo prioritario para as empresas en época de crise porque son fundamentais para mellorar a produtividade e a competitividade incrementando o ‘capital saúde’, que beneficia a toda a sociedade.

O director xeral de Relacións Laborais indicou que é necesario integrar os dous conceptos, seguridade e sostibilidade, “como a única forma de traballar” e apuntou que en Galicia estamos a desenvolver por segundo ano o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais deseñado, consensuado e acordado por todos os axentes implicados no marco do diálogo social.

Ademais, Martiñá destacou que as políticas activas de prevención reducen os custes de absentismo e de compensación de danos e aumentan a motivación dos traballadores, polo que, ademais de incrementar a protección dos empregados, contribúe á eficiencia empresarial.

Así mesmo, sinalou a importancia da prevención de riscos laborais como un aspecto fundamental na mellora das condicións laborais dos traballadores o que inflúe directamente na eficacia e eficiencia da empresa e na mellora da súa competitividade, factor clave na internacionalización dunha empresa.

Por último, Martiñá lembrou a importancia de que as empresas realicen unha análise dos custos-beneficios da prevención de riscos, para o que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) ten unha ferramenta que permite calcular o custo da non prevención; inculcar a idea de que os recursos destinados á prevención son totalmente rentables; a necesidade de coñecer os custos reais que se deriven dos accidentes e das enfermidades profesionais; e a integración da prevención na empresa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar