Baixa o abandono escolar

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe que nesta lexislatura as iniciativas de mellora do éxito escolar desenvolvidas polo Goberno galego permitiron duplicar o número de escolares beneficiados, chegando a case un de cada catro centros educativos e a preto de 16.500 alumnos no curso 2011/12. Así o asegurou na rolda de prensa tras o Consello da Xunta, que hoxe abordou un informe sobre o balance de contratos-programa e do Programa de Iniciativa de Mellora da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Na súa intervención, Alfonso Rueda explicou que nestas actividades participaron 1.500 profesionais do ensino público, unhas actividades de mellora do rendemento escolar no ensino público galego que avanzaron en dous obxectivos: por un lado, chegando a máis alumnos e, polo outro, mellorando o rendemento destes alumnos

 

 

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en funcións incidiu en que as iniciativas postas en marcha o pasado curso 2011/12 pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a mellora do éxito escolar chegaron a 239 centros educativos públicos –case 1 de cada 4- e a preto de 16.500 alumnos. “Case 17.000 alumnos e alumnas que duplican –afirmou Alfonso Rueda-, o número dos escolares que se viron beneficiados destas medidas na lexislatura que rematou no ano 2009”.

Ademais, abondou o conselleiro de Presidencia en funcións, “mellorouse o rendemento”, ao acadar, ao final da presente lexislatura, unha redución da taxa de abandono escolar de 5,2 puntos desde o ano 2009. Rueda explicou que a taxa media de abandono escolar sitúase arredor do 26% a nivel nacional, mentres que en Galicia esta cifra é case 6 puntos inferior, colocándose arredor do 20%.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alfonso Rueda explicou tamén que estes obxectivos se están a conseguir a través de dúas ferramentas que cualificou de “fundamentais”. Por un lado, dixo, a través dos contratos-programa, que chegaron a 144 colexios e institutos públicos no último curso, 2011/12 e que permitiron desenvolver 232 iniciativas relacionadas coa mellora do rendemento educativo, actividades de reforzo, de orientación, de apoio, de mellora da lectura, da escritura e do cálculo, de mellora da convivencia, actividades dirixidas directamente a reducir o abandono escolar e tamén na mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia nestes centros públicos. Unha actividade da que se beneficiaron case 12.000 alumnos e alumnas. E, polo outro, afirmou, a través de programas de iniciativa de mellora, dirixida a centros públicos que non estaban comprendidos nos contratos-programa, pero que tamén están dentro destas iniciativas, e que beneficiaron a 95 centros públicos e a case 5.000 alumnos e alumnas das catro provincias.

“Pódese dicir que Galicia sigue avanzando a paso firme neste obxectivo fundamental da Estratexia Europea de Educación, que é a mellora do rendemento educativo, con ese obxectivo fundamental de non só favorecer o rendemento escolar senón tamén reducir as taxas de abandono escolar, que xa se reduciron nesta lexislatura 5 puntos respecto ao ano 2009 e que nos sitúan por debaixo da media nacional en 5 puntos”, manifestou Alfonso Rueda incidindo en que no curso 2012/13 a Xunta vai seguir con estes programas e remarcando que, de feito, se ten duplicado xa o número de solicitudes de centros educativos públicos respecto ao curso anterior, 2011/12 para acollerse aos contratos-programa.

“Polo tanto este é o balance que presentou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que é o que indica que se segue un bo ritmo e un bo camiño á hora de conseguir este obxectivo fundamental do Goberno da Xunta de Galicia para o conxunto da sociedade galega e que ademais implica, non só ao Goberno da Xunta de Galicia, á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, senón tamén aos alumnos, á comunidade educativa e tamén aos pais que teñen fillos en idade escolar”, concluíu o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en funcións ao respecto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar