Santiago: Máis de 150 filmes no Cineuropa 2012

Víctor Carou, Ángel Currás e Jose Luís Losa

O alcalde, Ángel Currás; o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; e o director de Cineuropa, José Luis Losa, presentaron esta a XXVI edición de Cineuropa que se celebra na cidade do 8 ao 30 de novembro. En total serán 152 filmes os que se poderán ver no Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC e Sala Mozart do Auditorio de Galicia. E ademais de cinema teremos actividades complementarias e un programa especial de música: Cineuropa Concerto. A música estará moi relacionada con Cineuropa este ano e de feito unha das premiadas desta edición é Najwa Nimri, actriz e cantante. O outro premio Cineuropa será para o cineasta portugués Pedro Costa.
Aínda que Cineuropa arranca xa este xoves 8 coa proxección no CGAC do documental Jimi Hendrix, previo ao concerto de Juan Perro no Principal, dentro do programa especial Cineuropa Concerto, as primeiras proxeccións serán o venres día 9. Simbolicamente, o festival inaugurarase ás 21:00 horas do venres 9 no Teatro Principal coa proxección de Bella Addormentata, estrea en España nos festivais internacionais do filme de Marco Bellocchio. E a clausura do festival, o día 30, será tamén especial, xa que o produtor Paulo Branco estará en Compostela para presentar o seu filme Linhas de Wellington. Branco é, en palabras de Losa, «o pater familias do cinema de autor europeo», co cal é un magnífico broche de ouro para o festival.

Entre un e outro filme, outros 150 enmarcados en 12 seccións diferentes: Sección Oficial; Panorama Internacional; Fantastique Compostela; Buenos Aires Connection; Retrospectiva Xavier Dolan; Retrospectiva João Canijo; Cineuropa-Docs (dentro da cal teremos a subsección «O mundo segundo Alexander Kluge: retrospectiva»); Cinefilias; Cineuropa Ten Cult Movies; Cineuropa Concerto; Panorama Audiovisual Galego e o xa tan simbólico Maratón Cineuropa. A través destas sección Compostela converterase na capital galega do cinema xa que será, por exemplo, a oitava cidade en todo o mundo onde se vai a ver a película de Kiarostami, Like someone in love, ou poderemos gozar do ansiado retorno do mestre Bertolucci con ese Io e te que, á parte de en Italia, se estreou universalmente só en Cannes e San Sebastián. E teremos tamén a nosa cita anual co xaponés Sion Sono, co seu The Land of Hope, estreada en Xapón hai dúas semanas.

Estarán en Compostela tamén os irmáns Taviani (Oso de Ouro en Berlín) e Haneke (gañador en Cannes con Amour), á parte das dúas películas máis intelixentemente provocadoras da tempada (Ulrich Seidl e as súas Paradises), mais as tres obras maiúsculas da tempada, Tabú, A noite de enfronte e Holy Motors, xunto co último de Resnais, Oliveira, Ferrara, Cantet ou Bellocchio, e a película revelación do ano, Beast of the Southern Wild. Unido á posibilidade de descubrir dous cineastas que pagan a pena: o enfant terrible Xavier Dolan e o desgarrado Joao Canijo. E convidaremos ao gran cineasta español sobre o que disparan máis que sobre o pianista, Javier Rebollo. Serán varios os cineastas que nos acompañen nas proxeccións dos seus filmes para despois abrir un coloquio: ademais de Rebollo estarán Margarita Ledo, Eloy Enciso, João Canijo…

A todo isto hai que engadir unha case «integral» do Novo Cinema Galego con Arraianos na cabeceira; o verdadeiramente imprescindible do fantastique chegado de Sitges (estará The cabin in the woods). E estas son só algunhas das películas que poderemos ver neste mes na cidade.

CINEUROPA CONCERTO

O cinema e a música están intimamente ligados e así se reflicte nesta programación, onde Cineuropa se une a outros ciclos da Concellaría como Íntimo & Acústico ou o Compostela Rock e confórmase unha sección moi especial: Cineuropa Concerto. Nove concertos dos cales, sete están relacionados con cadanseu documental; aos que se une un moi especial da Real Filharmonía de Galicia, que colabora unha vez máis con Cineuropa para traernos un atraínte Nosferatu de F.W. Murnau o xoves 22 no Auditorio; e, por último, o concerto dunha das premiadas, Najwa Nimri, o día 24 no Principal.

Ademais da música haberá outras actividades complementarias. Poderemos gozar do Fantabuloso cine ambulante dos irmáns Lumieira os días 16, 17 e 18 na Zona C de Bonaval, onde nos amosaran o funcionamento do cinematógrafo e poderemos ver varios filmes mudos. E tamén está a oportunidade de participar no Obradoiro de Debuxos Animados os días 23, 24 e 25, unha expo-obradoiro dirixida a todos os públicos coa única condición de que gusten do debuxo e o deseño.

VENDA DE ENTRADAS

As entradas para as proxeccións poden mercarse dende mañá mesmo en Novagaliciabanco (tanto na web, entradas.novagaliciabanco.es como no teléfono 902 434443) ou na Billeteira Única do Teatro Principal, que estará aberta todos os días a partir das 15:00 horas. Os prezos para os filmes son de 4 euros por entrada podendo adquirir una bono para 10 películas ao prezo de 30 euros. As proxeccións do CGAC e da Sala Mozart do Auditorio de Galicia son de entrada libre ata completar aforo. O programa completo do festival custará 2 euros e regalarase coa compra dun bono. O prezo do maratón será de 5 euros e os concertos teñen cada un os seus prezos e lugares de venda específicos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar