Catrocentas personas ao dia visitan a mostra «Códices» no Gaiás


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra a boa acollida que está a ter a exposición “Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media” que acolle o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. No seu primeiro mes aberta ao público, a mostra recibiu un total de 11.564 visitantes, cunha media de 413 persoas ao día.

A cifra de visitantes á exposición é especialmente notable durante as fins de semana, cando se roza ao máximo de aforo permitido. Cultura e Educación recorda que as especiais condicións de seguridade e conservación das obras que integran Códices obrigan a limitar a un máximo de 15 o número de persoas que acceden de xeito simultáneo ao espazo expositivo, facendo que o teito de visitantes por día rolde as cincocentas persoas.

Comisariada por Xosé Manoel Sánchez, técnico medievalista do Arquivo da Catedral de Santiago, a exposición inclúe unha selección de doce pezas que se exhiben por primeira vez ao público: dúas obras cedidas pola Catedral de Lugo, o Libro X de Pergameos Reais e o Libro XI de Bulas Papais; unha pola Catedral de Mondoñedo, o Tombo Pechado e outra polo Seminario de Mondoñedo, a Legenda Maior. Ademais forman parte da mostra o Misal Auriense e o Breviario Auriense da Catedral de Ourense; catro obras da Catedral de Santiago: o Códice Calixtino, o Breviario de Miranda, o Tombo A e Historia Compostelá; e dúas procedentes da Catedral de Tui, o Pontifical e o Pasionario Tudense.

Cambio de páxina, un atractivo
A exposición Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media muda cada mes, abríndose as publicacións por unha páxina diferente para facilitar unha correcta conservación. Deste xeito, as persoas que se achegaron ao Museo Centro Gaiás desde este martes, 30 de outubro, puideron contemplar as publicacións que integran a mostra abertas por unha páxina diferente á da inauguración. Unha obriga que lle brinda ao público un novo atractivo para acudir ao Museo Centro Gaiás e que ofrece a oportunidade de que o público poida aprezar o máximo posible unhas xoias ata o de agora nunca exhibidas.
Códices pode visitarse ata o vindeiro 6 de xaneiro no Museo Centro Gaiás de martes a domingo en horario continuado de 11 a 20:00 horas. A entrada é de balde e recórdase que, por razóns de seguridade, o acceso ao espazo expositivo limítase a un máximo de 15 persoas de xeito simultáneo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar