A comunista Yolanda Díaz afirma que Alternativa de Esquerdas exercerá “unha oposición radical”

A coordinadora de Esquerda Unida-Esquerda Unida (EU-IU), Yolanda Díaz, asegurou onte que Alternativa Galega de Esquerda (AGE), coalición na que está integrada a formación que lidera o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, fará unha oposición “radical” no Parlamento galego. Ao tempo, incidiu en que EU defende “a autodeterminación dos pobos” non polo seu “carácter nacionalista” senón pola súa raíz “absolutamente democrática”.

“Tras as guerras mundiais (o dereito á autodeterminación) incorporouse en todas as constitucións europeas. Obviamente é o pobo o que ten que decidir o seu futuro. Galicia ten dereito a decidir e cando queira dar o paso obviamente nós respectarémolo”, sentenciou, nunha entrevista concedida á Radio Galega, recollida por Europa Press.

No transcurso da conversación, descartou rozamentos con Anova por esta cuestión malia que IU é unha formación estatal e, preguntada sobre se a coalición prevé presentar algunha iniciativa que transcenda o marco estatutario galego replicou que as “prioridades pactadas” pasan por atender as “necesidades” da cidadanía e engadiu que non se sabe que pode pasar nos próximos meses.

“¿Rajoy vai rematar o seu mandato?”, preguntouse, a xeito de exemplo, ao tempo que insistiu en que a esquerda debe ser “xenerosa e unirse” para “gañar” as maiorías sociais. Neste punto, insistiu na necesidade dunha oposición “contundente” fronte á “tibieza” que atribuíu a PSdeG e BNG no anterior mandato.

“Na pasada lexislatura a oposición foi tibia en todo, nas formas e no fondo. Hai a percepción de que estiveron de costas aos problemas dos cidadáns”, criticou, para insistir en que AGE se preocupará para traballar coordinada cos cidadáns, traballar fronte ao problema do emprego e a “dramas” como os desafiuzamentos.

“ROMPER POLÍTICA DE CONSENSOS ECONÓMICOS”

Tras subliñar que o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, “é un político de dereitas, pero de casta”, incidiu na importancia de non caer no erro da “política de consensos económicos”, coa que aspira a “romper”, e subliñou que defender as políticas sociais “non é ser antisistema, senón de sentido común”.

Por último, sobre a posibilidade de que o PSOE se integre nunha fronte ampla de esquerda, replicou que a pregunta é “se o PSOE vai deixar de pactar co PP”.

“O PSOE ten que decidir en qué abano ideolóxico se quere situar, gustaríanos que xirase cara á esquerda, pero é que cada vez que escoito a Rubalcaba parece que está a pedir un goberno de concentración con Mariano Rajoy”, lamentou, para concluír que son os socialistas os que deben “decidir o seu propio camiño”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar