O musical ‘La Fuerza del Destino’ rinde tributo a Mecano

O auditorio municipal Gustavo Freire acollerá o venres 9 de novembro o musical La Fuerza del Destino, que rinde homenaxe a Mecano. Esta actuación foi presentada hoxe polo tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, o promotor do evento, Carlos Díaz, e varios membros do elenco de artistas que forman parte do espectáculo. Será ás 21:00 horas e as entradas poden adquirirse a través da web www.entradas.com ao prezo de 18 euros.

Antón Bao destacou que actuacións coma esta, unha das máis importantes en xira neste momento no Estado español, “consolidan o auditorio Gustavo Freire como espazo para acoller espectáculos de primeiro nivel que se atopan en xira”. “O obxectivo é -dixo Bao- atraer a Lugo estas montaxes para que os lugueses e luguesas poidan ver estas actuacións na nosa cidade, algo que antes non acontecía”. O responsable de Cultura destacou, neste sentido, o incremento logrado no nivel de ocupación do auditorio municipal, que ten xa ocupados ata final de ano as datas de practicamente todas as fins de semana con actuacións de distinto tipo.

O tenente alcalde puxo como exemplo do incremento da oferta esta ponte do 1 de novembro, no que o auditorio acollerá unha actuación de maxia (hoxe pola noite a cargo de Martín Camiña), dúas obras de teatro (unha o vernres -Brokers, da compañía La Illana- e outra o sábado -A herdanza da tía Constanza, de Nova Escena Teatro-) e un espectáculo de circo infantil (o domingo 4 ás 18:30 horas).

‘La Fuerza del Destino’

O musical La Fuerza del Destino chegará a Lugo o día 9 despois de ter colleitado máis de 25.000 espectadores en todo o Estado español. Rende tributo a Mecano, un dos grupos de referencia do panorama musical español das últimas décadas. Trátase dun espectáculo de grande formato para todos os públicos, segundo explicou hoxe na rolda de prensa de presentación Carlos Díaz, promotor e xefe de produción do musical.

En Lugo este musical, que leva 2 anos de xira, estreará nova posta en escena, obra de Hansel Cereza, fundador de La Fura dels Baus e creador da última produción do Circo du Soleil. Esta nova posta en escena recorre as cancións de Mecano empregando como fío coductor unha viaxe en metro, un escenario urbano moi vinculado á movida madrileña dos anos 80 na que xurdíu Mecano.

Edu Morlands, un dos cantantes do musical explicou que a montaxe conta con 5 músicos, 3 cantantes e 8 bailaríns sobre o escenario. A música é totalmente en directo e inclúe máis de 20 temas de Mecano e todos os seus grandes éxitos como Hoy no me puedo levantar, Cruz de navajas, Mujer contra mujer ou Una rosa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar