A depuración das augas incrementouse en Galicia nun 20 por cento

A Xunta de Galicia impulsou en menos de catro anos un novo modelo de xestión da auga que permitiu incrementar nun 20% a capacidade de depuración, grazas á posta en marcha de 37 estacións depuradoras de augas residuais. Esta realidade significa que sobre unha poboación equivalente de 4,6 millóns de habitantes, no 2009 depurábanse 2,4 millóns (un 52%) e na actualidade sitúase nos 3,4 millóns (un 74%), é dicir incrementouse a capacidade de depuración nun millón de habitantes- equivalentes.

Este foi un dos retos que destacou esta mañá o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, durante a rolda de prensa sobre o balance da política hidráulica e cumprimento das Directivas Comunitarias, na que estivo acompañado polo director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez. A este fito de avance en materia de saneamento e depuración, únese a aprobación da Lei de Augas, que foi o marco normativo fundamental para a xestión futura da auga na Comunidade, os avances no Plan Auga, a xestión de riscos de inundacións e seca e do ciclo urbano da auga e, por último, a aprobación do Plan Hidrolóxico Galicia- Costa.

 

 

Sobre este último, o conselleiro sinalou que grazas a este documento case 13.000 km2 de ríos, o 43,76% do territorio galego e que abarca ao 75% da poboación, está mellor conservado ou como mínimo “sabemos que é o que temos que facer para mellorar o seu estado e a súa calidade ata o horizonte do 2015”. Neste senso, recordou que o plan recolle un rexistro de zonas protexidas con catro figuras de protección específica, que axudará a preservación dos tramos do río con maiores valores ambientais, entre as que destacan as reservas naturais fluviais, con 13 novos tramos de río que acadan a máxima figura de protección, 9 zonas declaradas de interese piscícola e 24 tramos que requiren protección especial para a conservación de especies ameazadas e 11 tramos de interese medioambiental.

Este documento ten asociado un programa de medidas con 664 iniciativas que implican un investimento de máis de 1.000 millóns de euros ata o 2015. Estas medidas están distribuídas en catro grupos de actuacións, en función dos seu obxectivo. Así, establécense medidas para o cumprimento dos obxectivos ambientais, para a atención das demandas e racionalidade de uso, para seguridade fronte a fenómenos meteorolóxicos extremos e para o coñecemento e gobernanza.

O conselleiro de Medio Ambiente destacou que o Plan Hidrolóxico Galicia- Costa permitiu clarificar a situación dos aproveitamentos hidroeléctricos impedindo a execución de calquera obra que supoña a construción dun novo obstáculos no río. A día de hoxe, na demarcación Galicia– Costa hai un total de 74 aproveitamentos hidroeléctricos en explotación, que implican a xeración de 1.737,48 GWh/ano de enerxía. Isto supón a non emisión de 646.342 toneladas de CO2 ao ano para producir a mesma enerxía se fose xerada nun ciclo combinado ou de 1.669.718 toneladas de CO2 nunha central térmica de carbón. Sen embargo, o nivel de aproveitamento dos ríos xa é moi alto, e se considera que a construción de novos obstáculos transversais produciría máis prexuízos ao medio ambiente que os beneficios da produción de enerxía.

Tamén explicou que o Plan determina que deben declararse caducados aqueles aproveitamentos inactivos, o que implica a extinción de 116 concesións, e que os 64 aproveitamentos suspendidos polo Decreto 555/2005 deberán revisarse para saber se cumpren as condicións do novo Plan. Nunha primeira aproximación, a maior parte deles non se adaptan aos novos requirimentos ambientais, polo que serán desestimados.

Así, en breve prazo de tempo comezará o traballo administrativo para avanzar en todas estas determinacións do Plan Hidrolóxico con respecto aos aproveitamentos hidroeléctricos. Sinalar que o que fixo o Goberno galego neste caso non ten precedentes, e se trata dunha aposta decidida e pioneira na protección dos ríos, argumentou Hernández.

Actuacións de abastecemento e saneamento
Agustín Hernández destacou o Plan Auga como outro dos fitos desta lexislatura neste eido. Trátase dunha ferramenta de planificación, xestión e ordenación do abastecemento na Comunidade, que define a política de investimentos en materia de augas para o abastecemento de conformidade coa Directiva Marco da Auga e o decreto que establecen os criterios sanitarios de calidade da auga de consumo humano (RD 140/2003). En base a estas ferramentas, garántese a auga en calidade e cantidade a todos os núcleos de poboación superiores aos 50 habitantes, atendendo sempre a un uso racional e sostible.

En cifras, este proxecto tradúcese en 822 millóns de euros, que entre outras cousas permitiron a licitación de case 100 actuacións, entre as que destaca o investimento realizado na mellora de presas de abastecemento como Eiras, Cecebre, Baiona, Forcadas e O Con. Na súa intervención, sinalou que na pasada lexislatura no conxunto de obras hidráulicas o seu departamento mobilizou máis de 220 actuacións en materia de infraestrutura hidráulica que se traduce en máis de 325 millóns de euros.

Nos últimos catro anos incrementouse a capacidade de depuración nun millón de habitantes coa posta en marcha de 40 estacións depuradoras, entre as que destacan Guillarei ou Bens. Isto supón en só catro anos poñer en servizo máis dun 21% a capacidade de depuración prevista para Galicia. É un dato que demostra a nova política levada a cabo nesta lexislatura en materia de saneamento e abastecemento, ao que hai que engadir o impulso de 124 novas actuacións que ascende a máis de 440 millóns de euros, contando coas achegas do Estado.

Outras actuación nas que a Xunta mantivo un papel decisivo, foron o impulso á Edar de Vigo e de Ourense, o saneamento de Ferrol, a Edar de Ribadumia e de Gandarío; ao que hai que engadir o Plan de Control de Vertidos, unha iniciativa que demostrou a súa eficacia nos últimos catro anos coa eliminación de 850 puntos de vertido. Hernández adiantou que se continuará e se intensificará esta actuación nos vindeiros anos.

Plan contra a Seca
O responsable de Medio Ambiente avanzou que a Xunta de Galicia está a traballar na redacción dun Plan Especial de Seca, de acordo coa Lei de Augas de Galicia, que recolle as experiencias da seca de 2011. Este novo documento iniciará a súa tramitación ambiental este mesmo mes, por un período de 45 días, para aprobalo no primeiro semestre de 2013

Recordou que a situación de seca acaecida en 2011, na que Galicia sufriu a primavera máis importante dos últimos 50 anos e que se caracterizou por ser a máis cálida dende 1961 e o rexistro máis baixo dos últimos 50 anos en chuvia, sumado a un verán con ausencia de precipitacións fixo que a Xunta establecera unha serie de medidas e mecanismos que deron os seus resultados positivos, polo que se tomou a decisión de incorporalas a este novo plan.

A modo de exemplo, enumerou a creación da ferramenta de Sinalización e Notificación de Adversos (Sina), unha aplicación específica para o seguimento da situación da seca nos concellos. Durante ese período, intensificouse o seguimento coas 47 estacións de aforo para o control de caudais e 42 de calidade das augas. Outra das medidas adoptadas foi a xestión de encoros que permitiron aumentar as garantías de abastecemento, recordou Agustín Hernández.

Xestión do Ciclo urbano
O conselleiro Hernández explicou que outro grande reto será a xestión do ciclo urbano da auga, consensuando coas entidades locais galegas, a través da FEGAMP, un Pacto Local da Auga.

As bases para este pacto son a prestación de servizos por entes supramunicipais ou a recuperación de custos mediante un modelo de estrutura tarifaria de referencia. Tamén se pretende mellorar a comunicación e transparencia fomentando aos cidadáns a importancia dos servizos de auga, establecendo estándares de prestación de servizos ou avaliando a actividade dos operadores de auga. Neste pacto tamén se tratará a garantía do financiamento do investimento.

O titular de Medio Ambiente lembrou que xa se iniciaron dúas experiencias piloto da xestión supramunicipal: o Consorcio da Auga do Louro e o Consorcio de depuración de Valdeorras. No caso do Louro, que se constituirá a finais de 2012, xestiónase o ciclo integral da auga. Trátase de catro concellos e a Xunta de Galicia unindo esforzos para a xestión de abastecemento, saneamento e depuración de 60.000 habitantes.

No caso de Valdeorras, constituído o 30 de outubro, un total de 9 concellos, a Deputación de Ourense e a Xunta xestionan o abastecemento, saneamento e depuración de 30.000 habitantes.

En resumo, todas estas actuacións e medidas desenvolvidas ao longo destes catro anos tiñan como obxectivo fortalecer o ciclo da auga en Galicia, entendéndoa como un recurso e como un soporte de vida; e por outro lado, sendo o abastecemento de auga, a recollida e tratamento de augas residuais servizos básicos que deben ser prestados aos cidadáns.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar