Alumnos de Forem-Galicia inician prácticas na Deputación de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe aos alumnos de Forem Galicia que participan no curso de Xestión integrada de recursos humanos, de 808 horas de duración, os cales desenvolverán o seu período de prácticas nos diferentes departamentos da institución provincial.

O curso enmárcase dentro do Plan AFD (Accións de Formación de Desempregados) da Xunta de Galicia e organizado en Ourense por Forem Galicia, a Fundación de Formación e Emprego de CCOO de Galicia. Esta actividade formativa, pertencente á familia profesional de administración e xestión, está subvencionada polo Fondo Social Europeo, e contempla a realización dun módulo formativo de prácticas de 120 horas de duración.

Os nove alumnos participantes no curso estarán destinados en base aos seus perfís profesionais nos diferentes departamentos da Deputación de Ourense: Asesoría xurídica, Prevención de riscos laborais, Formación, Nóminas e Seguridade Social, Biblioteca provincial, Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, Parque de Maquinaria, Fiscalización e Fomento do Emprego.

CONVENIO FOREM-DEPUTACIÓN

O ámbito que permite a realización destas prácticas é froito do acordo de colaboración asinado o pasado mes de setembro entre Forem Galicia e a Deputación de Ourense, sendo esta a primeira vez na que se establece unha relación de colaboración nesta materia entre ámbalas dúas entidades.

O acto de recepción tivo lugar no Salón de Plenos, onde o presidente provincial estivo acompañado polos responsables de Persoal e Formación da Deputación de Ourense, Manuel Pérez e Carlos Castiñeiras, respectivamente; polo representante de Forem Galicia en Ourense, Alberto Conde, e polo coordinador de Administración Local de CCOO en Ourense, Juan Pérez. Trala recepción, os alumnos visitaron os diferentes departamentos onde desenvolverán o seu período formativo de prácticas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar