PSA agarda producir este ano 300 mil coches

O director do centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën, Juan Antonio Muñoz Codina, explicou este venres que a factoría de Balaídos espera pechar o ano cunha produción duns 300.000 vehículos e engadiu que, para 2013, espérase un incremento de actividade a consecuencia do lanzamento dos novos modelos.

En declaracións aos medios tras a presentación das novas Berlingo e Partner eléctricas –na que participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo– Muñoz Codina afirmou que, tendo en conta das previsións de maior actividade a consecuencia dos lanzamentos, a empresa prevé que o ano que vén non haberá unha situación de «días de parada tan importantes, en calquera caso, como aínda están a ser este ano».

O director do centro explicou que as estimacións que manexan de produción das furgonetas eléctricas están entre as 2.000 e as 2.500 unidades no primeiro ano. Así, destacou que son «unha novidade» e por tanto hai unha certa «incógnita» sobre como reaccionará o mercado.

«Non esperamos volumes moi importantes nos primeiros anos», puntualizou o máximo responsable da factoría automobilística viguesa, quen puntualizou que esta situación tamén está «moi asociada» á crise e o impacto que ela ten sobre os mercados.

Estas furgonetas están actualmente en produción de preseries e entrarán a fabricarse en serie a partir do primeiro trimestre de 2013. Para o segundo trimestre do próximo ano comezarán a súa comercialización.

En canto á capacidade produtiva, explicou que existe a «flexibilidade» do útil industrial que permite atender volumes moito máis altos de produción, se fose necesario.

OUTROS MODELOS

En canto aos outros dous novos modelos –o Peugeot 301 e o Citroën C-Élysée, dous vehículos sedan destinados a mercados emerxentes– explicou que a empresa ten unhas perspectivas de que a súa produción poida «crecer de maneira importante o ano que vén».

Segundo apuntou, estes automóbiles están xa fabricándose en serie, con 80 unidades ao día, e están «en plena subida de cadencia». En todo caso, explicou que a produción non está a ser «como nos mellores momentos desta casa».

Finalmente, no que respecta ao emprego, afirmou que é «difícil asociar persoas con modelos» aínda que sinalou que a previsión total, «que xa se está producindo», é que haxa unhas «300 ou 350 persoas máis» unha vez que todos os modelos estean a plena produción. Actualmente, o persoal está composta por preto de 7.000 operarios.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar