Este verán foi o máis frío dos últimos 34 anos, cunha media de17,7º

A temperatura media rexistrada neste verán en Galicia foi de 17,7 ºC, segundo o informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, o que supón que a Comunidade experimentou o verán máis frío desde 1978, cando a media foi de 17,6ºC e preto dos 17.8 de 2007. Os datos están referidos aos meses de xuño, xullo e agosto, o verán climatolóxico.

Por meses, o informe elaborado por Meeogalicia revela que a media das temperaturas quedou en xeral normal en toda a Comunidade no mes de xuño, se ben isto agocha dous importantes eventos de calor que se deron no día 1 e nas xornadas do 25 e 26. Estes episodios compensaron os valores baixos que se rexistraron o resto do mes.

A media das temperaturas en xullo, rexistrou en toda Galicia, valores por debaixo dos normais. As baixas temperaturas máximas acadadas durante a lo menos a primeira quincena, e as baixas temperaturas mínimas rexistradas ó longo de todo o mes, fixeron deste o cuarto máis frío no período 1961-2012. O día 17 resultou o máis caloroso neste período.

No mes de agosto houbo unha gran diferenza entre os valores rexistrados no terzo norte da Comunidade e no resto. A persistencia dos ventos de compoñente sur foi a principal responsable desta configuración. Destaca que a media das temperaturas foi superior na Coruña en comparación coas de Santiago, Pontevedra ou Vigo.

Destacan o día 26 de xuño e o 17 de xullo nos que se superaron os 30ºC en gran parte das localidades galegas.

Os valores máis baixos rexistráronse, principalmente, no macizo de Manzaneda e na Serra do Xistral. As temperaturas máis altas correspóndense ás comarcas próximas aos Ríos Miño e Sil, no val de Monterrei e nas Rías Baixas.

Exceptuando o terzo norte galego e a zona de Verín, este verano foi en xeral frío con anomalías máis baixas que os -0.5ºC.

PRECIPITACIÓNS
A porcentaxe de precipitación con respecto ao período de referencia 1961-1990 é de 111% e de 103% respecto ó período 1971-2000, o que se considera un verán húmido e normal, respectivamente.

A precipitación rexistrada en cada un dos meses mostra un xuño húmido (137%) e un xullo seco (64%). Agosto sen embargo, está dentro da normalidade (92%).

O mes de xuño foi en xeral húmido en canto á precipitación, isto traduciuse tamén nun número de días de chuvia (>1 L/m2) elevado, cun promedio de 18 días. En moitas zonas os
valores acumulados foron superiores ao dobre do normal neste mes.

Pola contra o mes de xullo resultou máis seco do agardado, aínda que en días de chuvia o mes pódese considerar normal. A anomalía é máis destacada na zona montañosa do leste de Galicia e no Miño de Ourense, as porcentaxes nestas localidades están entre o 0 e 20% do valor normal.

A precipitación rexistrada e os días de chuvia, estiveron dentro da media climatolóxica en agosto. Destaca sen embargo, a xornada do día 14, na que se recolleu a maior parte da precipitación rexistrada neste mes.

Os lugares que máis precipitación rexistraron foron as comarcas do Barbanza e de Caldas, onde os valores máximos acadados superan os 400 L/m2.

Os valores máis altos da porcentaxe de precipitación con respecto ó período de referencia 1971-2000 correspóndense ó interior da provincia de Pontevedra na que se acadou unhaporcentaxe de 200% (moi húmido).

Pola contra, os valores máis baixos na porcentaxe de precipitación correspóndense á Serra
do Eixe e os concellos de Rubiá e a Carballeda de Valdeorras. Acadáronse nestas rexións valores de 40% a 20% (seco-moi seco), mentres que na Carballeda de Valdeorras a porcentaxe foi <20% (moi seco). No resto da Comunidade a estación de verán resultou normal. (90%-100%).

 

Mapa de temperaturas

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar