Novagalicia banco perdeu 1.400 millóns polo seu saneamento interno


Novagalicia Banco perdeu 1.399,6 millóns de euros no primeiro semestre do ano despois de destinar 1.638 millóns a saneamento, segundo informou este venres a entidade financeira.
A cantidade dedicada a saneamento é «case nove veces máis» que as dotacións realizadas no primeiro semestre de 2011, segundo resalta Novagalicia a través dun comunicado.
Novacaixagalicia, resultado da fusión das caixas de aforro galegas e matriz do actual banco, anunciou unhas perdas de 168,7 millóns de euros en 2011 para o grupo.
A conta de resultados de Novagalicia Banco no primeiro semestre de 2012 reflicte que a marxe de intereses, aquel que recolle o negocio puro de intermediación financeira, se elevou a 430 millóns de euros, cun incremento do 21,8% respecto ao mesmo período do ano anterior.
A marxe básica crece un 11,5%, ata 550,3 millóns de euros, e, segundo destaca a entidade, faino «a pesar de que esta marxe recolle un descenso dos ingresos netos por comisións do 14,3% ata os 120 millóns de euros». Ao respecto, recorda que a nova estratexia do banco «se basea en eliminar o cobramento de comisións entre os clientes máis vinculados e introducir máis e maiores comisións aos non clientes».

CAÍDA DA MARXE BRUTA

A marxe bruta de NCG Banco xera 613,1 millóns de euros en ingresos, un 10,6% menos que un ano antes. A entidade atribúe o descenso da marxe bruta a unha baixada de 40 millóns no resultado de operacións financeiras respecto ao mesmo período de 2011.
Sobre este extremo, apunta que no exercicio de 2011 «se realizaran as vendas de EDP, Brisa ou Repsol». Ademais, explica que a caída tamén responde «aos peores resultados de empresas valoradas polo método de participación, que contabiliza un importe negativo de 41 millóns; e a un aumento de 30,4 millóns da achega ao Fondo de Garantía de Depósitos (FGD) debido aos cambios introducidos na súa regulación».
Os gastos de explotación redúcense un 5,5%, ata os 444 millóns de euros, «a pesar de que incorporan os custos asociados á redución de persoal que se produciu no primeiro semestre», resalta NCG. «Sen considerar os devanditos custos, os gastos de explotación reduciríanse un 17,2% e os de persoal un 21,5%», subliña.
Así mesmo, a entidade, na nota de prensa, chama a atención sobre o feito de que «a ratio de eficiencia mellora nun 20% respecto ao primeiro semestre de 2011».

SANEAMENTO DE BALANCE

Así as cousas, Novagalicia Banco reivindica que prosegue a súa estratexia de saneamento de balance, destinando 1.638 millóns de euros a dotacións durante o primeiro semestre do ano, «case nove veces máis que as dotacións realizadas no primeiro semestre de 2011». «Trátase do maior saneamento semestral realizado pola entidade», indica.
Dos 1.638 millóns, 1.215 destináronse ao saneamento do crédito, 250 millóns a cubrir a deterioración de activos adxudicados e 173 millóns de euros ao saneamento doutros activos financeiros.
Así as cousas, as provisións realizadas xeran un resultado atribuído negativo de 1.399 millóns de euros. O saneamento, sinala o banco, enmárcase no proceso de recapitalización de NCG Banco e está considerado nos plans enviados ás autoridades españolas e europeas.
As contas do primeiro semestre de 2012 foron aprobadas este xoves polo consello de administración de NCG Banco. Cos 1.638 millóns de euros de dotacións do semestre, o novo equipo xestor, apunta, «xa destinou 3.688 millóns de euros ao saneamento do balance da entidade nos últimos 9 meses».
A maior parte do saneamento realizado ata xuño «permite ir anticipando», segundo Novagalicia, a nova lexislación española (reais decretos Ley 2/2012 e 18/2012), que obriga a cubrir con maiores provisións os activos (bens adquiridos a promotores, créditos inmobiliarios e créditos hipotecarios) do sector inmobiliario no balance da entidade e os previsibles requirimentos de traspaso de activos á futura Entidade de Xestión de Activos.

FINANCIAMENTO CONCEDIDO NO SEMESTRE

O crédito a clientes sitúase en 45.169 millóns de euros, cunha redución do 4,6% do crédito bruto no semestre. A baixada, segundo NCG, «responde a unha estratexia de redución do perfil de risco da entidade».
NCG reduciu no semestre en 1.002 millóns de euros a súa exposición á promoción inmobiliaria e grande empresa. Pola contra, a matriz do grupo formalizou novas operacións de financiamento por importe de 5.220 millóns de euros.
«O novo crédito está centrado en familias e pequenas e medianas empresas (pymes), incluíndo liñas de desconto, factoring e confirming», destaca.

AUMENTA UN 18% A VENDA DE INMOBLES

A peche de xuño de 2012, os activos adxudicados ou recibidos en pagamento de débeda presentaban un valor neto contable de 2.583 millóns de euros, tras a venda de 1.426 inmobles por importe de 170 millóns no semestre, un 103% máis que as vendas realizadas no mesmo período do ano anterior.
A cifra de venda de inmobles elévase a 3.588 unidades por importe de 368 millóns de euros se se consideran tamén as vendas de inmobles de promocións financiadas.
Igualmente, a entidade financeira galega salienta que prosegue o proceso de desinvestimento en participadas que, ata xuño, xerou uns ingresos de 50 millóns cunhas plusvalías de 12 millóns de euros. Entre as desinvestimento realizadas, destaca as participacións en Calvo e Enerfin Enervento Exterior.

MENOS OFICINAS FÓRA DE GALICIA

O lanzamento de EVO Banco, a nova marca comercial de NCG nacida a mediados de marzo de 2012 para operar fóra de Galicia, permitiu á entidade, segundo indica, «realizar unha potente reestruturación da rede de NCG Banco» fóra de Galicia».
Os datos do primeiro semestre mostran unha redución de oficinas dun 31,89% fóra de Galicia (fronte ao 3,68% de Novagalicia). A «reorientación» do modelo de negocio sitúa a EVO con 120 oficinas nas 70 principais cidades españolas.

DEPÓSITOS DE CLIENTES

Pola súa banda, os depósitos de clientes remataron o semestre cun saldo de 43.984 millóns de euros (o que representa unha redución do 5,8%), aínda que Novagalicia sinala que «o groso do descenso provén das partidas que responden a operatoria almacenista, cun comportamento máis volátil (cédulas non negociables, cesión temporal de activos, operatoria co Tesouro),», posto que no último ano reduciron o seu saldo en 3.735 millóns de euros.
A captación de recursos de clientes minoristas presenta unha redución do 5,6% nos depósitos á vista, apunta, «similar á caída xeral do aforro en España» –recorda que en España os depósitos de clientes baixan unha media dun 5,2%–.
Así as cousas, os depósitos a prazo minoristas de NCG banco finalizan xuño cun saldo de 18.791 millóns de euros.

REESTRUTURACIÓN

Entre xaneiro e xullo, NCG Banco pechou 160 oficinas (24 en Galicia, 135 en resto de España e 1 no estranxeiro), o que supón acumular 474 oficinas pechadas dende decembro de 2010. Tras estes peches, NCG Banco dispón dunha rede de 900 oficinas operativas en España.
Ao longo do semestre, a entidade reduciu o seu persoal en 386 empregados, o que supón unha redución de 1.771 no último ano e medio, para totalizar un equipo de 5.946 empregados na matriz.
En datos comparables de 2011, NCG reduciu as súas oficinas nun 23,4% (por un 8,1% de media española) e o seu equipo nun 20,6% (por un 5,9% de media resto de entidades). A xuño de 2012, a reestruturación alcanza unha redución de oficinas do 33% e do 23% no número de empregados.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar