Beiras chama a unha «ofensiva nacional» contra o PP

O voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, apelou a Compromiso por Galicia, Esquerda Unida e o Bloque Nacionalista Galego para conformar unha «ofensiva electoral» contra o Partido Popular, pero aprazou a toma de decisións ao domingo, cando se reunirá a coordinadora nacional de formación.
En rolda de prensa despois da reunión da Permanente de Anova, este mércores, Xosé Manuel Beiras evitou aclarar se a organización política concorrerá ás eleccións galegas –convocadas para o 21 de outubro– nunha ampla fronte de esquerdas, como leva propugnando dende a súa constitución, tras as diferentes escisións que rexistrou o BNG a principios de ano.


A este respecto, aludiu en todo caso ás decisións que adopten as diferentes asembleas comarcais, que, debido ao adianto electoral, aceleraron as súas convocatorias e entre este xoves e o sábado optarán por unha postura, que será trasladada o domingo á coordinadora nacional.
A partir de aí, tal e como recoñeceu Beiras, os prazos han de ser obrigatoriamente reducidos para configurar unha coalición electoral, pois a lexislación establece un tope de 10 días hábiles dende a disolución do Parlamento, e a data máxima será o próximo venres, día 7 de setembro.
«INIMIGO COMÚN»
Despois de que Compromiso fixese público que ofertou a Anova concorrer ás eleccións nunha coalición, o histórico galleguista fixo fincapé en que o que formula Anova é «a unidade de acción no plano electoral», máis alá de debates ideolóxicos, sempre e cando se acepte que «o inimigo» é o PPdeG e que, en consecuencia, tamén a é a opción que permite a alternancia no sistema (o PSdeG).
En relación con Esquerda Unida, con quen admitiu que hai «contactos» pero non conversacións, Xosé Manuel Beiras fixou como requirimento «que asuma seriamente a identidade do pobo galego» e, en suma, a súa capacidade de libre decisión e o dereito de autodeterminación.
Pola súa banda, Compromiso por Galicia xa compartiu «parte da andanza» con Anova tras as escisións do Bloque e cuestións como o seu acordo electoral con Terra Galega, dixo, entran dentro de eventuais negociacións. «Nas negociacións poden cambiar as posturas», constatou.
CHAMAMENTO AO BNG
Pero na súa comparecencia deste xoves, na que destacou que as eleccións do 21 de outubro non serán «normais» dada a situación de «emerxencia nacional», quen levou ao Bloque ás súas cotas máis altas nos 90 e despois acabou abandonando o proxecto fixo un chamamento á formación frentista.
«A proposta de Anova está aberta a todas as redes de movementos sociais, a organizacións e grupos políticos organizados, dende Compromiso por Galicia ata Esquerda Unida, incluíndo o propio BNG, non temos reparos», dixo. Cuestionado polos xornalistas, precisou que «non hai contactos» co Bloque, aínda que chanceou con que podería haber «contactos con tacto».
O obxectivo, segundo subliñou, é constituír unha alternativa «todos contra este PP, absolutamente perverso, desastroso para o país e carente de toda ética política democrática».
A preguntas dos medios, Beiras considerou «pouco verosímil que non calle» nas asembleas a idea de acudir a «algunha fórmula de alianza» coa vista posta nos comicios autonómicos. En todo caso, en función do que ditaminen e o que determine a coordinadora nacional: «Haberá que decidir se Anova acode soa ás eleccións ou se pasamos», espetou.
CRÍTICAS A «A FRIJOLADA»
Ao comezo da súa intervención, o líder nacionalista criticou «a frijolada» do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ao adiantar eleccións. Neste sentido, resaltou que «é necesario dar unha réplica da maioría social agredida polo Goberno español e o galego, nesta especie de protectorado no que a política se decide fóra».
Ademais, augurou que os populares van levar «un pau descomunal» en País Vasco e que por iso «en Madrid, a Feijóo lle dixeron que era suicida convocar para despois». «Non as adiantar, seguramente tamén sería suicida», especulou, para rematar indicando que «hai moitas maneiras de suicidarse» e que el espera que «sexa o que aconteza» ao Partido Popular galego en outubro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar