O lago artificial de Meirama abastecerá á Coruña no futuro

A Xunta prevé multiplicar a capacidade do sistema de abastecemento da área metropolitana da Coruña, grazas á construción dunha toma que aproveite as augas do lago artificial de Meirama, que ten unha capacidade de 150 hm3, sete veces máis que a capacidade de almacenamento do encoro de Cecebre, que ten un volume de 21 hm3.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentaron esta mañá o proxecto, que a Xunta considera a solución óptima para lograr un volume de resgardo suficiente para o abastecemento á cidade da Coruña e a toda a súa área, garantindo a demanda actual de subministro de auga potable, así como a prevista para o futuro. A actuación consistirá na construción dunha toma de auga no lago e, mediante unha condución hidráulica de 1,5 quilómetros de longo, conducir o recurso captado ata o río Barcés.

Hernández salientou que con esta solución garántese o abastecemento sen necesidade de executar ningunha nova obra de regulación, aproveitando un volume existente co mínimo custe e tamén co mínimo impacto ambiental. Asegurou que se trata dunha grande oportunidade para os máis de 400.000 habitantes que residen na Coruña e no seu cinto metropolitano.

O conselleiro explicou que a execución deste proxecto está condicionada á enchedura do lago e deberá iniciarse antes da finalización da mesma, xa que os custes de perforación necesarios para a execución do túnel serán máis económicos se se fan antes de que o nivel de auga cubra o punto no que se instalará esta estrutura; ademais de imprimir un nivel de garantías laborais maiores. Poucas veces se pode dispoñer dun lago a medio encher o que facilita enormemente calquera obra hidráulica, segundo Hernández.

Segundo as previsións que manexa a Xunta, a programación dos traballos de construción estímanse no contorno de 12 meses, programándose a execución do túnel por ambas as dúas bocas á vez. O investimento necesario para a execución é de en torno a 10 millóns de euros.

Descrición do proxecto

Os principais elementos que conforman a actuación, de 1,5 quilómetros de lonxitude total, son: unha toma de auga a 15 metros de profundidade respecto da lámina de auga final do lago e un falso túnel de canalización de formigón armado con camisa de chapa de aceiro, de 140 metros de lonxitude e diámetro de 2,1 metros. Esta condución conecta a toma de auga cunha cámara de válvulas de dimensións en planta de 10 x 11,5 metros, e 22 m de profundidade.

A cámara de válvulas estará conectada cun túnel hidráulico, de 3,5 metros de sección recuberto de formigón armado que terá unha lonxitude de 1.250 metros, cunha pendente do 0,5%. Na saída, un cono redutor enlaza coa canalización forzada ao río Barcés, cunha lonxitude de 74 metros.

Grazas a esta infraestrutura hidráulica poderanse derivar os caudais necesarios dende o lago de Meirama ao encoro de Cecebre garantindo uns niveis axeitados segundo o momento do ano, respectando tanto durante o período construtivo como na súa explotación os parámetros ambientais necesarios para a flora e fauna da zona. Ademais, esta solución é plenamente compatible con calquera uso adicional que se lle de dea ao lago.
Para concluír, Hernández subliñou que esta é unha oportunidade única, aproveitar unha restauración ambiental para garantir o abastecemento de auga potable á Coruña e á súa área metropolitana. Unha solución óptima ambiental e técnica que incidirá positivamente non só no medio natural senón tamén na calidade de vida dos cidadáns.

Asemade, destacou que a capacidade do embalse de Cecebre non permite cumprir coas garantías de subministro establecidas polo Plan Hidrolóxico Galicia-Costa nin para as demandas actuais nin para as do futuro. En consecuencia, o sistema debe ser reforzado.

Convenio de xestión de Cecebre
O conselleiro de Medio Ambiente e o alcalde da Coruña tamén asinaron esta mañá un convenio para xestión do encoro de Cecebre, polo cal Xunta e Concello da Coruña definen un sistema de explotación do encoro de abastecemento sostible e con garantías de futuro.

O documento asinado aclara as responsabilidades de cada administración asegurando unha boa explotación do encoro, o que supón un modelo sostible e de garantías para toda a área metropolitana.

Por unha banda, Augas de Galicia colaborará en caso de que sexa necesario na mellora da infraestrutura e exercendo as facultades de policía e de inspección e control da calidade do recurso, mentres que no Concello da Coruña unifícanse a xestión, a explotación, o mantemento e a conservación da presa.

Documentos relacionados

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar