Detido o autor confeso dun incendio forestal en Santiago

 

A Policía Autonómica informou da detención dun veciño da parroquia de Santa María da Peregrina, en Santiago de Compostela, acusado de provocar un incendio do que se declarou culpable. Ademais, impútaselle a participación en, polo menos, outros oito lumes acontecidos na aba do Monte Pedroso.

Tras deter o presunto pirómano, os axentes procederon ao rexistro do seu vehículo, no que atoparon ata 16 chisqueiros que foron incautados. Segundo informa a Xunta nun comunicado, o detido confesou a súa culpabilidade do incendio acontecido na parroquia de Santa María da Peregrina o pasado día 18 de agosto no mesmo momento do seu arresto.

O detido argumentou que a súa intención era «limpar o monte» para evitar que os xabarís invadisen o seu terreo. A policía impútalle a súa participación dende 2010 noutros oito incendios orixinados na aba do Monte Pedroso, en Santiago de Compostela.

DETIDOS EN MEIS E BARBADÁS

Por outro lado, a Policía Autonómica tamén informou da detención doutras dúas persoas nas localidades de Meis (Pontevedra) e Barbadás (Ourense) polo mesmo motivo.

A ambos os dous acúsaselles de ocasionar incendios que causaron a queima de 100 metros cadrados en Meis e de 400 en Barbadás, motivados por «unha serie de imprudencias no manexo dos seus vehículos».

A Xunta de Galicia destacou que, con estes arrestos, os corpos de seguridade dependentes da Consellería de Presidencia xa detiveron «un centenar de persoas por delitos relacionados con incendios forestais».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar