O Concello de Lugo pide aos hosteleiros cofinanciación para O San Froilán

O tenente alcalde, Antón Bao, anunciou o envío dunha carta na que se lles solicita 200 euros a cada negocio de hostalería e 150 aos comercios A achega será voluntaria pero aqueles que colaboren terán un distintivo oficial que os recoñecerá como “establecemento colaborador co San Froilán 2012”.

O Concello de Lugo quere que os comercios e negocios de hostalaría da cidade poñan cartos para financiar as festas do San Froilán deste ano. O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, anunciou hoxe o envío dunha carta oficial a todos os bares e restaurantes da cidade e aos comercios da zona centro na que se lles pedirá unha colaboración mínima de 200 euros no caso negocios de hostalaría e de 150 no dos comercios. A achega será voluntaria pero todos aqueles que colaboren recibirán un distintivo oficial para colocar nos seus escaparates que os identificará como “establecemento colaborador co San Froilán 2012”.

Antón Bao considerou “lóxico e razoable” que aqueles sectores que sacan un maior beneficio das festas colaboren no seu financiamento. O tenente alcalde afirmou que “a cidadanía así o demanda”, polo que o Concello puxo en marcha esta iniciativa, que é a primeira vez que se leva a cabo. O Concello agarda paliar en parte por esta vía a redución de 100.000 euros no orzamento do San Froilán deste ano e “facer partícipes aos hostaleiros e comerciantes do éxito das festas”.

Para iso, o Concello artellou un método sinxelo no que os establecementos que queiran colaborar poderán facer os seus ingresos nun número de conta. Como contrapartida, todos os establecementos que fagan a achega mínima contarán cun distintivo oficial que os identificará como establecementos colaboradores nas festas de San Froilán; os que realicen unha aportación superior aos 500 euros aparecerán ademais nomeados no programa oficial de festas, do que se fai unha tirada de 55.000 exemplares, así como na páxina web oficial www.sanfroilan.info e en diversas accións publicitarias que realizará o Concello de Lugo. O prazo para facer os ingresos é do 3 ao 14 de setembro.

Aberto tamén a empresas

A iniciativa está aberta tamén á colaboración de empresas, algunha das cales xa viñan colaborando en anos anteriores coas festas. Antón Bao dixo que para todas aquelas que realicen unha aportación superior a 3.000 euros o Concello levará a cabo accións publicitarias excepcionais e diferenciadas.

Bao lembrou que o pasado ano un total de 9 empresas e entidades fixeron distintas aportacións económicas para as festas. Foron Estrella Galicia, Coca Cola, Gadis, Asogal, Calfensa, Fundación Caixa Galicia, Frisaqués, Mombús e Aceites Abril, que aportaron en total 37.000 euros. O tenente alcalde dixo que agarda incrementar este ano o número de empresas colaboradoras.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar