Santiago: a antiga curtiduría convértese en centro de formación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de Santiago de Compostela, actuando como presidente do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, Ángel Currás, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a recuperación da antiga curtiduría de Pontedriña, que albergará o Centro de Formación en materia de Rehabilitación da Fundación Laboral da Construcción.

 

Alcalde e conselleiro en depencias do Concello de Compostela

Con este xesto, a Consellería evidencia a súa aposta pola formación de profesionais e polo emprego, coa implicación neste centro de referencia, único no territorio nacional, no que se formará a persoas nas competencias vinculadas á rehabilitación e ao mantemento de edificios e espazos públicos. O acordo, permitirá a realización dunha serie de obras e equipamentos nas infraestruturas que están comprendidas dentro do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e que constitúen unha dobre aposta por parte do departamento dirixido por Vázquez Abad. Por un lado, polo papel do centro como institución formadora de traballadores cualificados e de futuros formadores nesta materia; e por outro, polo alto valor patrimonial, arquitectónico e etnográfico desta fábrica de curtidos que data do século XVIII.

Achega do patrimonio á sociedade
No acordo, investiranse máis de 4,5 millóns de euros, dos que a Consellería achegará un millón de euros. Con esta achega, a Consellería financiará obras nas cubertas da edificación existente, o que permitirá evitar o progresivo deterioro e garantindo a súa estabilidade e conservación. Ademais, realizaranse os traballos de instalacións xerais e infraestruturas para a entrada en funcionamento das superficies acondicionadas, obras indispensables para garantir a conservación do significativo valor cultural do patrimonio histórico que representa a curtiduría de Pontepedriña.

Ambas as entidades, conscientes da necesidade de recuperar e protexer o patrimonio cultural galego e así manter a cultura como auténtica garantía de conservación, sempre en estreita colaboración cos habitantes, asinan este convenio que terá como resultado toda unha serie de actuacións encamiñadas á divulgación, información e promoción da cultura e para achegar o máximo posible o noso patrimonio cultural á sociedade. Esta colaboración supón a consecución dos espazos necesarios para que poidan representarse as diversas manifestacións da cultura galega nun marco digno e adecuado ás necesidades reais dos nosos tempos.

Colaboradores
O Centro Nacional de Formación en materia de Rehabilitacións chegará a Santiago grazas á unión de forzas entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia –Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Traballo e Benestar e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria-, o Consorcio da cidade de Santiago de Compostela e a Fundación Laboral da Construcción. Esta última, xestionará o centro do que sairán profesionais coa máxima cualificación que, co seu labor, contribuirán á recuperación do patrimonio cultural galego, e que poderán transmitir e poñer en práctica seus coñecementos sobre outros exemplos patrimoniais a nivel internacional.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar