As vendas de Pescanova creceron un 7% en seis meses

 

As vendas de Pescanova creceron case un 6,9% entre xaneiro e xuño, ata os 667,9 millóns de euros, debido á boa evolución do consumo de produtos do mar conxelados en España e o aumento no extranxeiro, sendo este último o sector de alimentación que experimentou un maior crecemento no semestre, segun un informe transmitido pola multinacional galega á CNMV, Comisión Nacional do Mercado de Valores.

 

Pescanova obtivo un beneficio atribuído de 15,66 millóns de euros no primeiro semestre, cifra un 3,26% superior á do exercicio anterior, grazas ao crecemento da súa cifra de negocio e do resultado de explotación, segundo informou este venres a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

O resultado bruto de explotación (Ebitda) de Pescanova situouse en 76,5 millóns de euros, un 12,3% por enriba do primeiro semestre de 2011, mentres que o resultado neto de explotación (Ebit) creceu un 17%, ata os 47,5 millóns de euros.

A facturación procedente dos mercados exteriores creceu un 11,3%, cun avance do 4,8% na Unión Europea e do 17,9% no resto do mundo. Pescanova destacou especialmente o comportamento das vendas en Estados Unidos, China e Xapón.

A compañía de alimentación tamén atribuíu os seus resultados ao feito de que os «elevados» investimentos realizados en anos anteriores «están comezando a dar os resultados esperados».

Así, confiou en que 2014 sexa o exercicio de «plena maduración» dos investimentos en cultivos de rodaballo en Europa, así como as correspondentes a salmónidos e á produción propia de lagostino vannamei.

TENDENCIA ALCISTA

Pescanova destacou así mesmo a boa evolución dos custos de explotación nos produtos nos que opera, tanto en capturas coma en cultivos, debido, entre outros factores, á mellora do prezo de materias primas, como o petróleo ou compoñentes de pensos, e á mellora dos prezos de compra destas.

O grupo confiou en que o crecemento das vendas e os resultados continúen coa súa «tendencia alcista» durante o resto do exercicio, baseándose na «positiva evolución» tanto da actividade pesqueira coma da actividade marquista e a «previsible evolución favorable» da UE e o euro.

Durante o primeiro semestre, Pescanova fortaleceu a súa estrutura financeira mediante a subscrición dunha nova emisión de obrigas convertibles por valor de 160 millóns de euros, con vencemento final en 2019. A compañía empregou 60 millóns de euros da devandita emisión na recompra de obrigas emitidas anteriormente, con vencemento en 2015 e 2017.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar