O mantemento fluvial chega xa a cen quilómetros de cauces

 

A concelleira de Santiago, Paula Prado, e o responsáble de Aguas de Galicia, Francisco Menéndez

 

A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, continúa co seu labor de garantir o correcto estado das augas da comunidade e con este obxectivo realiza en toda a demarcación hidrográfica de Galicia Costa actuacións de mantemento e conservación fluvial para facilitar o libre discorrer das augas así como aquelas actuacións encamiñadas a acadar un correcto uso social no entorno fluvial.

En total, no que vai de ano Augas de Galicia levou a cabo 58 actuacións en 59 ríos e regos, nun total de 97.300 metros. Segundo explicou esta mañá o director deste ente autonómico, durante a supervisión dos traballos realizados na ponte do parque de Eugenio Granell (no río Sar) en Santiago, as actuacións de mellora da conservación nos ríos galegos realizadas ata agosto supuxeron un investimento de preto de 600.000 euros e beneficiaron a masas de auga de 42 concellos e a máis de 850.000 habitantes. “Para garantir a vida dos nosos ríos é fundamental enfocar os nosos esforzos en protexer a súas dinámicas e funcionamentos naturais e aumentar a súa capacidade de recuperación ante perturbación naturais o humanas. Este valores son tidos en conta en cada unha das actuacións que levamos a cabo dende Augas de Galicia”, indicou Francisco Menéndez.

 

 

A poda de pólas que impiden o paso, retirada de árbores, limpeza do leitos, desbroces ou recollida de lixo, son algunhas das actuacións que se enmarcan dentro das tarefas de conservación que executa Augas de Galicia.

Na demarcación hidrográfica Galicia Costa os ríos suman unha lonxitude total de máis de 15.000 km, que acada os 23.000 km se temos en conta As canles máis pequenas. Para conservar todo este patrimonio natural a Administración Hidráulica de Galicia conta coa súa gardería fluvial, formada por técnicos especializados que inspeccionan diariamente o estado dos nosos ríos. Pero a enorme densidade da rede fluvial fai imprescindible a colaboración cidadá na identificación de posibles deterioros no dominio publico hidráulico. Colaboración que en moitos casos é canalizada a través dos concellos. Segundo informou o director de Augas de Galicia, as actuacións de conservación da rede fluvial intensificaranse a partir do mes de setembro, xa que as propias condicións climatolóxicas o fan necesario.

Menéndez explicou que o deterioro das canles non só vén ocasionado por causas naturais. Así, tanto Augas de Galicia como os propios Concellos teñen un grande reto por diante á hora de transmitir á sociedade os valores de conservación e coidado dos nosos ríos. É por isto que dende estas administracións se fomenta o achegamento da poboación aos ríos por medio de programas de sensibilización e educación ambiental, mellorando a accesibilidade aos ríos coa execución de estruturas e sendas que en todo caso teñen que ser sostibles e compatibles cos usos do territorio e recursos fluviais acordados pola sociedade e sempre respectuosos co ecosistema fluvial.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar