Impulso á orixe castrexa de Galicia

Castro celta de San Cibrao de Lás, no concello ourensán de San Amaro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe o próximo investimento de preto de 440.000 euros nos traballos para a urbanización, o soterramento da liña eléctrica e a instalación de mobiliario no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Lás, situado nos concellos de San Amaro e Punxín. Nunha visita na que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o conselleiro percorreu o xacemento, unha vez rematados os traballos de escavación e consolidación realizados polo actual goberno galego co obxecto de facilitar a circulación dos visitantes. “Estes traballos permitiron, ademais, mellorar o coñecemento sobre o urbanismo deste complexo castrexo, un dos de maior monumentalidade de Galicia”, destacou.

 

Tal e como explicou, esta mesma semana publicarase no Diario Oficial de Galicia a licitación das obras de urbanización, por un importe de preto de 299.000 euros. Ademais, xa se teñen contratado, os traballos de soterramento da liña eléctrica, por un importe de 58.000 euros. Por outra parte, o conselleiro sinalou xa está a en marcha o concurso público de dotación de mobiliario do Centro de Interpretación do parque, ao que a Consellería destina máis de 79.000 euros, e cuxa adxudicación está prevista para o mes de setembro.
Deste xeito, Vázquez Abad salientou o traballo realizado pola Consellería de Cultura e Educación na recuperación do valor do xacemento arqueolóxico de San Cibrao de Lás, dentro do programa de actuacións vinculadas á Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico e do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Lás. Neste sentido, Vázquez Abad lembrou que, asemade, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia asinou en 2010 convenios de colaboración cos concellos de San Amaro e Punxín que contempla diferentes actuacións de limpeza e mantemento do xacemento, por un importe total de 110.000 euros. En total a Xunta de Galicia ten investido máis de 9,6 millóns de euros no acondicionamento e posta en valor deste xacemento desde o ano 2004.
Centro de interpretación
O xacemento castrexo de ‘A Cidade de San Cibrao de Lás’ é o eixo que vertebra o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, unha das grandes infraestruturas culturais previstas na Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, e que se completa co Centro de Interpretación. Con máis de 3.000 metros construídos este centro albergará unha exposición estable sobre a Cultura Castrexa, a realización de exposicións temporais, aulas didácticas e diversos servizos para os visitantes. Asemade, conta con espazos para o traballo dos arqueólogos e zonas de investigación e documentación.
O xacemento de San Cibrao de Lás é un dos castros escavados mellor coñecidos, con maior monumentalidade e de maior extensión da Comunidade Autónoma. O seu perímetro amurallado e a conformación interna das estruturas de habitación permiten ao visitante unha boa compresión dunha parte significativa da Cultura Castrexa. O Centro de Interpretación posibilitará o coñecemento da cultura castrexa, fortemente influenciada neste caso pola romanización.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar