Sindicatos de Novagalicia Banco, preocupados pola transferencia de traballadores ao «banco malo»

Sindicatos de Novagalicia Banco critican o Goberno central pola falta de información sobre o ‘banco malo’, ao tempo que temen que a súa creación se traduza nunha transferencia á nova entidade da parte do equipo que se dedica á xestión dos activos ‘tóxicos’, uns 400 traballadores.

Os responsables de CC.OO., UGT e CIG, en declaracións a Europa Press, manifestáronse á espera de que o Executivo central aprobe este venres, no Consello de Ministros, a creación do denominado banco malo, pois ata agora «todo é rumores» e «opacidade» por parte do Goberno.

En concreto, a «preocupación» das organizacións sindicais céntrase no que acontecerá cos traballadores en caso de que pasen a formar parte da devandita entidade, posto que está previsto que esta teña unha duración de 10 anos.

«¿Que vai pasar con eles?» pregúntase o responsable de CC.OO., Luis Mariño, quen afirma que «os únicos que deben saber» algo acerca da constitución do ‘banco malo’ son o presidente Mariano Rajoy e o ministro de Economía, Luis De Guindos.

Alude Mariño á diverxencia entre as informacións que se foron publicando nos últimos meses acerca desta cuestión: «Primeiro que se o ía xestionar o FROB, agora que se a través de fondos de investimento para dar maior entrada a capital privado…»

Deste modo, e tras indicar que tamén a dirección de Novagalicia descoñece como se fará, o sindicalista apraza unha valoración pormenorizada ata o momento en «que saia o decreto e a regulación», pero resalta que a preocupación principal dos sindicatos reside no «que poida afectar a tema de persoal».

«INTRANQUILIDADE»

Por parte de UGT, José Ramón de Pliego Valdés constata que «unha das especulacións» consiste en que o banco ao que se pase os activos leve aparellado parte do persoal. «Non parecería moi lóxico, en principio, que rompese a xestión desas vendas», apunta.

Non obstante, destaca que «o primeiro que faría falta é que o señor De Guindos defina que quere para a banca deste país», pois, segundo denuncia, a «intranquilidade máis absoluta» reina nos «equipos de todas as entidades».

Neste sentido, pide que, de haber unha transferencia de equipo, se realice a través dunha «cesión en tanto en canto exista a necesidade», durante eses 10 anos e «sempre coa dependencia da empresa e coas garantías totais de retorno».

O voceiro de CIG-Banca, Clodomiro Montero, censura igualmente que esta hipótese supón «outro motivo máis de preocupación» e se mostra en contra da creación do ‘banco malo’.

REXEITAMENTO DA MEDIDA

«Non é positivo socialmente asumir os pufos dos bancos. Tampouco dende un punto de vista laboral nin económico, e veremos se axuda á reestruturación e se elimina os problemas inmobiliarios das entidades», advirte.

Así, Montero augura unha baixada do prezo da vivenda, a xeración de «maior morosidade» e, en resumo, un «agravamento» da situación, principalmente, de «pequenos aforradores».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar