Feijóo despide ao «patriota» Pousa Antelo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, achegouse este martes ata a capela ardente do intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo, a figura da cal eloxiou e retratou como a dun «patriota» e «un galego coherente e honesto».

Tras presentar os seus respectos a Avelino Pousa Antelo e dar o pésame á familia, á disposición da cal se puxo, Feijóo destacou que era «un galego dos pés á cabeza», que dedicou «case un século a sortear obstáculos sen cambiar de forma de entender a súa defensa de Galicia».

«Pousa Antelo é dos últimos que marcaron unha forma de defender o país dentro e fóra de Galicia», sentenciou o mandatario autonómico. Ao mesmo tempo, recordou que o intelectual «mantivo a Galicia como norte permanente da súa andanza persoal», o que o converte, por iso, nun «referente para seguir nos momentos de dificultade».

«Dedicou a súa vida a un país e ese país tenllo que agradecer para sempre», incidiu Núñez Feijóo, quen tamén tivo palabras de recordo para o ilustre galeguista Isaac Díaz Pardo, falecido o pasado mes de xaneiro aos 92 anos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar