Cursos de formación sobre o cooperativismo como saída profesional

 

A Escola Cooperativa Móbil percorrerá un total de 25 centros educativos de secundaria e formación profesional durante o curso 2012/13 para impartir ciclos sobre as vantaxes do cooperativismo como saída profesional.

A través destes cursos, a Escola Cooperativa Móbil, organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar, tratará de facer ver aos mozos a «alternativa que representa o cooperativismo» con «técnicas de aprendizaxe participativas e lúdicas».

Segundo informa a consellería a través dun comunicado, esta «aula móbil», que permanecerá en cada centro educativo unha semana, chegará a un total de 1.600 alumnos que recibirán as clases dentro do horario lectivo.

A formación práctica será o fío condutor destes cursos, que terán lugar entre os meses de outubro e abril, nos que os alumnos poderán desenvolver os seus propios «proxectos cooperativos» coa axuda dos monitores da Escola Cooperativa Móbil.

Como apunta a Xunta, o obxectivo é facer chegar os «valores o cooperativismo» ao alumnado, así como os «pasos necesarios para crear unha cooperativa» e a posibilidade de analizar casos exitosos deste modelo de negocio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar