Posta en valor do Castro de Baroña

 A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e mais o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, a concelleira de Cultura, Educación e Relacións Veciñais, Asunción Torres, así como o concelleiro de Turismo, Deporte e Festexos, Manuel Deán, visitaron o Castro de Baroña en Punta do Castro-Porto do Son, onde a Xunta de Galicia financia as obras de acondicionamento e consolidación do xacemento para a súa posta en valor turística.

Nesta visita, na que estiveron acompañados polo arqueólogo encargado das obras, fixeron un percorrido por este xacemento e puideron comprobar o avance das obras de consolidación, nas que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, investe110.934,80 euros.

O obxectivo desta intervención é garantir que a visita ao castro, un dos referentes do Turismo cultural de Galicia, poida realizarse coas máximas garantías e cunha oferta de calidade polo que a actuación pretende afondar no coñecemento e a investigación do castro e mellorar con isto a oferta sociocultural do Concello do Porto do Son.

Conservación de estruturas

A intervención arqueolóxica persegue garantir a conservación das estruturas e permitir a súa visita e o óptimo aproveitamento cultural do mesmo. O castro, cuxa planta non se corresponde coas habituais formas circulares ou oblongas por ter que adaptarse á morfoloxía do terreo, estrutúrase en catro áreas en parte esixidas por tres grandes furnas que a erosión do mar vai agrandando.

As obras que se están levando a cabo inclúen a consolidación das estruturas arqueolóxicas que están máis danadas así como traballos de sinalización como a instalación dun panel informativo no camiño de baixada ao castro, colocación de pequenos pivotes con frechas no interior do xacemento para dirixir aos turistas no circuíto e a elaboración dunha páxina web do recurso e a edición de trípticos explicativos do mesmo.

 

Asemade, desenvolveranse unha pequena obra para acondicionar o camiño de baixada a este xacemento arqueolóxico.

Por outra parte, en coordinación coa concellería de Educación e Cultura de Porto do Son, lévase a cabo un programa de difusión social dos valores culturais, arqueolóxicos e naturais da Punta do Castro, incluíndo visitas guiadas, obradoiros e charlas dirixidas a escolares, asociacións culturais e grupos organizados, tanto do concello como da comarca do Barbanza.

O Castro de Baroña sitúase nunha pequena península rochos que marca polo Sur a boca da Ría de Muros e Noia e coincide cunha das zonas de costa máis fermosas e mellor conservadas do litoral atlántico galego e que permite vistas extraordinarias sobre a coñecida praia de Arealonga e o espectacular Monte Louro, en Muros.

Os traballos que se realizan sobre o Castro teñen como obxectivo básico no eido da investigación o recoñecemento real da estratigrafía e fases de ocupación, así como a obtención de datacións absolutas que permitan contextualizar Baroña no marco xeral de evolución da cultura castrexa no occidente galego.

Unha intervención deste tipo permite ademais o coñecemento máis axustado da estrutura orixinal do poboado, da súa evolución ao longo do tempo e das bases materiais do cotián das persoas que o ocuparon, todos eles son elemento fundamentais para a súa futura posta en valor como recurso cultural.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar