«Abramos o círculo»: unha iniciativa de Igualdade corrixe comportamentos a 38 homes

  Home maior de idade, con tendencia a conductas violentas no ámbito da parella e familiar, sen denuncias por malos tratos, e decidido a aprender a relacionarse en parella doutro xeito. Ese é o perfil dos usuarios do programa Abramos o círculo, unha iniciativa pioneira en España posta en marcha en 2001 pola Secretaría Xeral da Igualdade coa colaboración do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, da que se teñen beneficiado ao longo de todos estes anos un total de 418 homes.

Igualdade destina un orzamento anual de 34.600 euros a este programa no que a demanda é crecente. Dos 48 asistentes en 2009, pasouse aos 69 de 2011. E nos primeiros seis meses do que vai de ano ascende a 38 homes a participación en Abramos o círculo, deles 20 son residentes na provincia de Pontevedra, 16 na Coruña e 2 en Ourense.

Un equipo de 40 psicoterapeutas imparte as sesións en toda Galicia, mediante un programa psicoeducativo que durante 10 sesións ofrece aos usuarios terapias en catro áreas: comportamental, cognitiva, afectiva e relacional; un conxunto de estratexias e ferramentas para o manexo das súas emocións e, especialmente, o control da tendencia a manexar conflictos a través de estratexias baseadas na violencia. Ao término das sesións, os psicoterapeutas desenvolven un protocolo de seguimento dos casos e constatan un gran índice de satisfacción da parella.

O programa de intervención psicolóxica Abramos o círculo ten como obxectivo previr posteriores situacións de maltrato, evitar a súa extensión e, en definitiva, asegurar o benestar físico e psicolóxico nas relacións de parella.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar