A Secretaría de Turismo promociona a actividade naútica

 

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o presidente da Asociación de Clubs Naúticos de Galicia, Francisco Javier Ruíz de Cortázar, presentou hoxe no Club náutico de Portonovo as novas ferramentas de promoción da Asociación de Clubs Náuticos Galegos (ASNAUGA), ademais de participar no acto de izado da bandeira Q de calidade turística desta instalación náutica.

Estas novas ferramentas, impleméntanse, grazas ao convenio de colaboración asinado entre ASNAUGA e a Secretaría Xeral para o Turismo, para o desenvolvemento de distintas actuacións relacionadas coas tecnoloxías da información cara á potenciación e a promoción turística da costa galega, e en concreto dos portos deportivos e das actividades que se desenvolven a través dos clubs náuticos.

Así, neste ámbito, desenvolvéronse dúas aplicacións: unha para a instalación en paneis dixitais informativos a pé de porto e unha app para poder descagar información de utilidade a través dos teléfonos intelixentes.

PÁXINA WEB

Por outra parte, e como consecuencia do desenvolvemento destas aplicacións, adaptou este ano a súa páxina web –asnauga.com- aos novos sistemas de comunicación, actualizándoa e facéndoa máis áxil e intuitiva.
Con este traballo, ASNAUGA busca consolidar unha guía náutica interactiva, baseada nas novas tecnoloxías nas que os visitantes e navegantes poidan saber onde se atopan situadas as instalacións e os clubs, así como os seus portos deportivos e que servizos teñen, ademais dos puntos de interese turístico.
Esta é a primeira guía que se publica en formato app en España e en Europa, tanto dos clubs náuticos como dos seus portos.
Na súa intervención, Carmen Pardo felicitou ao representante de ASNAUGA por esta innovadora iniciativa e referiuse a estas instalacións en Galicia como “exemplo de bo facer”.

Logo desta presentación, a secretaria xeral para o Turismo e os seus acompañantes procederon ao izado da bandeira Q de calidade turística, que desde o pasado mes de xuño ostenta o Club Náutico de Portosín, xunto a outras cinco instalacións deste tipo distribuídas por todo o litoral galego.
A secretaria xeral para o Turismo lembrou que a Comunidade galega é a líder en instalacións náutico-deportivas certificadas coa marca “Q” de calidade turística. Neste sentido, gozan con este distintivo, ademais do Club Náutico de Portonovo, o Club Náutico Ría de Ares, o Club Náutico Deportivo Ribeira, o Club Náutico de Sada; o Club Náutico de Ribadeo, o Club Náutico Deportivo de Vigo e o Real Club Naútico de Vigo.
Carmen Pardo salientou tamén que dos 10 clubs náuticos de toda España que gozan de bandeira “Q”, seis destes son galegos.Ademais das estacións náuticas, Galicia conta tamén con nove praias certificadas con este distintitvo, dúas máis que en 2011, ao sumárense as praias dos Castros e As Catedrais, ambas no concello de Ribadeo. A listaxe de praias distinguidas en Galicia, ademais destas dúas, inclúe tamén a praia da Retorta, a praia de Mañóns e máis Carragueiros, as tres en Boiro; a praia de Laxe, en laxe; a praia da Rapadoira, en Foz; e máis as praias de Area e Covas, en Viveiro.

ACORDO CON TURGALICIA

Por último, na súa intervención, a secretaria xeral para o Turismo referiuse ao acordo de colaboración asinado entre Turgalicia e ASNAUGA para a difusión e promoción da marca “Q” de calidade turística no sector de instalacións náutico-deportivas de Galicia, a través do que se posibilita o apoio á implantación voluntaria nestas instalacións galegas.
Segundo este convenio Turgalicia proporciona apoio técnico e profesional para a implementación desta marca e inclúe as instalacións certificadas no seu folleto de promoción do “Q” de calidade turística.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar