Detido o presunto autor dun incendio en Carballo

A Policía Autonómica detivo a un veciño de Carballo como presunto autor dun incendio forestal producido nesta localidade coruñesa no que arderon case dúas hectáreas de superficie.

Tras un mes de investigación membros da Policía Autonómica na Coruña procederon á detención deste home ao que se lle imputa un lume na parroquia de San Xoán a finais do mes de xuño, que afectou a 16.000 metros cadrados de arboredo e 2.500 de superficie rasa.

O incendio, ao que acudiron medios da Xunta para a súa extinción, orixinouse como consecuencia da queima posterior a labores de limpeza e poda nun terreo, sen solicitar a autorización pertinente para tal fin.

A queima produciuse nun terreo en condicións óptimas para a propagación do lume nun día no que o vento favoreceu á súa extensión aos terreos lindantes e zonas de arboredo. As dilixencias foron remitidas ao xulgado de instrución de garda de Carballo.

Baseándose nas cifras achegadas pola Xunta, a Policía Autonómica detivo 97 persoas no que vai de ano por delitos relacionados cos incendios forestais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar