Proxección internacional para o termalismo galego

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, o director xerente da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, Alejandro Rubín, asinaron hoxe en Santiago un acordo de colaboración para a promoción internacional do Turismo de saúde e benestar da Comunidade galega a través do certame “Termatalia Perú 2012, auga e natureza”, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de setembro na capital peruana, Lima.

 

A Fundación Expourense é o organismo encargado de organizar esta feira e, dentro da mesma, desenvolverase o evento “Encontro Internacional sobre auga e termalismo”, no que, entre outras accións, está previsto desenvolver un encontro de prensa especializada internacional, unha bolsa de contratación turística, cursos e obradoiros, a recreación dun espazo balneario, unha xornada de proxectos de investimento, a instalación dun bar de augas e un encontro de políticas públicas sobre termalismo.

Deste xeito, ao obxecto de reforzar o posicionamento de Galicia como destino líder en Turismo de saúde e benestar, neste caso das súas instalacións de Turismo de saúde, por ser un dos seus produtos turísticos estrela, a Secretaría Xeral para o Turismo colaborará coa Fundación Feira e Exposicións de Ourense na organización de varias actividades destinadas á promoción internacional do Turismo galego.

Termatalia e unha das tres feiras relacionadas co turismo de carácter internacional que se celebran en España e este ano, por primeira vez, desenvolverase fóra da Comunidade galega, concretamente en Lima (Perú). Trátase dun certame que vai máis alá da promoción turística ao implicar a todo o sector relacionado coa industria termal, a través de misións comerciais e outro tipo de contactos empresariais.

A través deste convenio, no que a Secretaría Xeral para o Turismo investirá 75.000 euros, Turgalicia instalará un expositor de 36 metros cadrados para a promoción de Galicia como destino de Turismo de saúde e benestar.
Ademais apoiará a recreación e montaxe do espazo balneario, promocionará eventos de comunicación na feira, financiará o Encontro internacional sobre auga e termalismo e promocionará a través da prensa local e estranxeira especializada en termalismo este evento.

Produto senlleiro de calidade
Na sinatura deste convenio de colaboración, Carmen Pardo salientou a importancia que ten o Turismo de saúde e benestar para Galicia, que cualificou como “produto senlleiro”, xa que a Comunidade galega ocupa o primeiro lugar de España canto a número de establecementos e prazas hoteleiras relacionadas con este segmento turístico.
No ámbito da calidade, a secretaria xeral para o Turismo salientou a importancia que teñen os balnearios no conxunto dos servizos turísticos galegos, xa que, na actualidade existen sete hoteis balneario certificados coa Q de calidade turística, o que supón o meirande número de establecementos deste tipo de toda España.
Por outra parte, Carmen Pardo destacou a internacionalidade desta feira, que no eido turístico é, xunto coa Feira Internacional do Turismo de Madrid e o Salón Internacional do Turismo de Cataluña, Termatalia é a única que ten carácter internacional.

Cabeceira de marca
Neste acto de sinatura, Carmen Pardo tamén se referiu á marca Galicia, gárdasme o segredo?, salientando os produtos cabeceira que penden desta: Camiño de Santiago, Mananciais de Galicia, Paseando entre viñedos, Santuarios máxicos, A ruta da camelia, Patrimonio oculto, Turismo mariñeiro, Bosques de Galicia, Faros e praias salvaxes e Lugares únicos.

Así, salientou a inclusión do termalismo galego baixo a denominación Mananciais de Galicia como mostra da importancia que Turismo de Galicia lle outorga a este produto turístico no que Galicia ocupa un lugar senlleiro no eido nacional.

Pola súa parte o director xerente de Termatalia referiuse a este certame turístico como unha gran oportunidade de negocio para o sector termal galego e cualificou a feira como un auténtico centro de negocios, nun contorno no que o Produto Interior Bruto está a medrar arredor do 6,5%.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar