Peregrinos xaponeses esquecen no Camiño a traxedia de Fukushima

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e mais o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, entidade que colabora no proxecto, recibiron onte na compostelá Praza do Obradoiro aos integrantes da peregrinación organizada pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón cuxo obxectivo é apoiar ás rexións damnificadas polo terremoto e o tsunami do 11 de marzo de 2011 no país asiático.

Este proxecto consistiu en convidar a mozos das rexións máis danadas por esta catástrofe natural a peregrinar polo Camiño de Santiago. Trátase de mozos que xa remataron os seus estudos e que sufriron directamente as consecuencias do maremoto na zona de Kesen-numa, unha zona moi similar a Galicia, con rías e unha importante industria de cultivo de ostras e vieiras, industria que quedou totalmente destruída ao paso do tsunami.

Os mozos, que teñen que decidir sobre o seu futuro, contan coa axuda da Asociación Xaponesa de Amigos do Camiño de Santiago, que a través desta experiencia pretende darlles a oportunidade de pensar, decidir e encamiñar a súa vida lonxe do lugar da traxedia, utilizando o camiño como experiencia terapéutica.

O grupo, integrado por estudantes e membros da asociación, comezou o seu periplo en León o pasado 25 de xullo e chegaron onte a Compostela. Veñen acompañados dun equipo de televisión xaponés que está a filmar a experiencia para emitila nun documental no seu país de orixe. O equipo é da televisión de Shikoku, unha illa xaponesa que conta con unha das peregrinacións máis importantes do país: a peregrinación budista a Shikoku ou peregrinación dos 88 templos. Esta é, xunto coa sintoísta do camiño de Kumano en Wakayama, a máis importante do país do sol nacente.

A sensibilidade da rexión cara ao fenómeno da peregrinación foi a que levou a este equipo de profesionais da comunicación a ocuparse da Ruta Xacobea, un traballo que realizan xa por segunda vez, dado que seguiron a ruta dunha rapaza xaponesa dende os Pirineos ata Santiago.

Na peregrinación que gravan nesta ocasión terá unha relevancia especial Galicia dado que, tras chegar a Santiago, os mozos visitarán tamén Fisterra, Muxía e mais O Grove.

CONTINUIDADE

A presidenta da asociación xaponesa –que en 2013 cumprirá 5 anos dende a súa fundación-, Tomoko Marioka, xa mantivo previamente unha reunión co xerente do Xacobeo, José Paz Gestoso, quen lle confirmou o seu apoio e interese por continuar con este proxecto para o vindeiro ano. A presidenta da asociación tamén resaltou o feito de que os mozos que peregrinen a Compostela converteranse en principales prescriptores de opinión e impulsores da Ruta Xacobea no seu país. Ademais, Tomoko Marioka comentou que a intención da asociación é que Galicia teña máis presenza no seu proxecto polo que avanzou que o ano que ven a peregrinación comezará no Cebreiro e continuará a pé pola Ruta Fisterra-Muxía.

 

«THE WAY», NO XAPÓN

Entre as actividades que desenvolve a Asociación Xaponesa de Amigos do Camiño de Santiago figura a colaboración coa distribuidora do filme «The Way», que ven de estrearse en Xapón. A asociación alcanzou un acordo por medio do que nos cines que se proxecte a película dispoñerán dun stand para repartir información sobre a ruta e sobre o propio ente asociativo. Deste xeito, ao remate da proxección, moitos xaponeses recollen información sobre a ruta, e incluso

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar