Os gardacostas comisaron unha tonelada de peixe e marisco nunha semana

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, incautáronse de 822 aparellos de pesca e comisaron máis de 1 tonelada de diversas especies en distintos operativos realizados polo litoral galego nos últimos oito días.

 

Os gardacostas da Xunta vixían por terra, mar e aire.

Na ría de Arousa, os gardacostas desenvolveron varios operativos que se saldaron coa incautación de 144 artes e preto de 582 quilos de peixe e marisco. A actuación máis importante foi a que se realizou o pasado luns, onde os axentes requisaron 1 embarcación, 60 butróns, 1 raño, 1 capacho, 2 caldeiros e 3 sachos. Ademais neste control comisaron 25 quilos de distintas especies de marisco que foron devoltos ao mar. Tamén cabe destacar dúas actuacións en Boiro, nas praias de Bodión e da Barraña, onde os Gardacostas, en colaboración da Policía Autonómica, identificaron a 30 persoas e levantaron acta de presunta infracción a 26 por marisqueo ilegal.

Vigo tamén foi escenario doutros operativos de gardacostas tanto na costa como na cadea de comercialización. Neles requisáronse 70 artes, sobre todo nasas sen identificar, e comisáronse preto de 294 quilos de distintas especies de peixe e marisco, a maioría de xarda. Na Ría de Pontevedra tamén se realizaron operativos, que se saldaron coa incautación de 195 nasas -todas elas sen identificar- e 2 viveiros e co comiso de 19 quilos de polbo e 3 quilos de nécora.

Na Costa da Morte –en Camariñas e Portosín- os axentes do servizo dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, tamén realizaron actuacións, que se saldaron co comiso de preto 108 quilos de distintas especies de peixe e marisco, a maioría de polbo. Ademais en Camariñas requisaron un total de 411 artes, case todas nasas sen identificar. Por outra banda, en Monte Louro (Muros) comisaron preto de 14 quilos de polbo que foron devoltos ao mar.

Expulsión de furtivos
Ademais, onte, os axentes realizaron controis contra o furtivismo na ría do Burgo e na de Ferrol. No Burgo expulsaron a 12 furtivos da zona da Pasaxe e en Ferrol expulsaron a 8 persoas mariscando ilegalmente na zona da Malata, a 4 furtivos na zona de San Felipe e a 2 en Mugardos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar