Mozos de nove paises, nun campo de traballo de Ourense

Un total de 40 mozos de 9 nacionalidades diferentes están a participar nesta primeira quincena de agosto nos dous campos de traballo internacionais que se están a celebrar na provincia de Ourense: un na capital ourensá e outro en Celanova.

 

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, hoxe en Celanova

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron hoxe aos mozos e mozas que están a tomar parte nas diferentes actividades de voluntariado e mobilidade e destacou que estas actuacións supoñen “crear un espazo de convivencia e solidariedade xuvenil, onde os participantes reciben a través desta experiencia uns valores moi positivos a través dun proceso de educación non formal que é de gran utilidade para o futuro”.

Rodeiro desprazouse en primeiro lugar ao campo de traballo que se está a celebrar na capital ourensá, que está centrado na dinamización social e cultural. O seu obxectivo fundamental é fomentar a participación dos voluntarios nas actuacións de servizo á comunidade a través do deseño, planificación e posta en marcha de iniciativas relacionadas co patrimonio e o turismo da cidade de Ourense e os seus arredores.

Para elo, os mozos e mozas realizan actividades de difusión na rúa, creación de performances turísticas e de documentais turísticos. Neste campo de traballo están a tomar parte mozos e mozas de Taiwán, República Checa, Francia, Rusia, Brasil, Cuba, Galicia, Andalucía e Canarias.

Pola súa banda, o campo de traballo de Celanova é de carácter sociocultural e as súas actividades xiran ao redor da programación da asociación Terras de Celanova e da residencia da terceira idade da mesma localidade. Ademais, tamén se levan a cabo actuacións coa Fundación Curros Enríquez e o propio Concello de Celanova, entre as que destaca a sinalización do xacemento arqueolóxico de Castromao, un dos principais referentes da cultura castrexa do noroeste peninsular.

A visita a este xacemento permite coñecer como foron os primeiros asentamentos sociais no noroeste da península na Idade de Bronce, así como a súa evolución no tempo, ademais do proceso de adaptación das estruturas aos novos tempos e ás novas necesidades construtivas.

Nesta iniciativa están a participar mozos de Italia, Francia, Rusia, México, Brasil, Galicia, Castela e León, Andalucía, Madrid, País Vasco, Estremadura e Aragón.

Os dous campos de traballo de Ourense forman parte da campaña de verán da Consellería de Traballo e Benestar, que oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para isto, o departamento autonómico está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permitirá a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar