… e máis peregrinos

A alcaldesa en funcións, Reyes Leis, e as concelleiras María Castelao e Rebeca Domínguez recibiron un grupo de universitarios residentes no Real Colexio Maior de San Bartolomé e Santiago, da Universidade de Granada, acompañados dalgúns familiares e de persoal desta entidade. A realización de parte da ruta xacobea é unha actividade que este colexio maior, o máis antigo de España, realiza cada dous anos. De feito, na fachada deste, dun edificio do século XVI, colocouse un azulexo coa frecha e a inscrición do Camiño de Santiago. Os 14 colexiais, chegados o día anterior a Santiago, arrincaran a súa andaina unha semana antes en Vilafranca do Bierzo.

Recepción no Concello de Santiago

Reyes Leis deulles a noraboa á expedición por ter completado o Camiño e polo seu «labor como embaixadores do mesmo en Granada». Esta era a quinta peregrinación do Colexio a Santiago, iniciativa que adoptaron hai 12 anos. Desexoulle aos estudantes unha feliz estancia na cidade e amosou o «orgullo» e o «asombro» que lle segue producindo «a cantidade de persoas que cada día chegan á nosa cidade».

Os colexiais acudiron ao Concello coas becas azuis que teñen como distintivo. No seu nome falou o director do Colexio, José Luis Pérez-Serrabona, quen deu as grazas polo recibimento. Recordou que o Colexio Maior de San Bartolomé e Santiago da Universidade de Granada é o máis antigo de España aberto actualmente», e expresou o desexo de repetir a experiencia de realizar o Camiño.

A alcaldesa en funcións recibiu da delegación andaluza unha placa conmemorativa da visita e un gravado. Eles tamén levaron un recordo do seu paso polo Concello compostelán.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar