Os artefactos de Vigo, rudimentarios pero explosivos

O delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, confirmou que os artefactos explosivos localizados en Vigo e atribuídos a Resistencia Galega eran «rudimentarios», pero con capacidade «destrutiva» e de facer «un dano importante». A Policía Nacional mantén aberta a investigación para localizar os autores.

 

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, Juárez explicou que, sobre as 19.30 horas deste luns, a Policía Nacional recibiu na Sala do 091 unha chamada comunicando o envío a ‘Faro de Vigo’ dun correo electrónico no que o grupo Resistencia Galega reivindicaba a colocación dos artefactos no monte Sampaio, nas inmediacións de Vigo.

O correo electrónico recibiuse a nome de «Ernesto Castro, un nome que os responsables da investigación cre que se trata «dunha identidade falsa que se está a investigar», sinalou o delegado do Goberno en Galicia.

TRES ARTEFACTOS

Juárez indicou que, ao lugar desprazáronse, entre outros, efectivos dos Tedax que localizaron dous artefactos debaixo dunha caseta anexa a unha torre. Un deles estaba composto por dúas botellas de auga –unha de litro e medio e outra de medio litro– «cheas de gasolina e rodeadas de 36 bombas de palenque», precisou.

O segundo artefacto era unha botella cun litro de gasolina «pegado a un bote de gas butano e dous petardos tipo trono», explicou o delegado do Gobienro, quen sinalou que as primeiras investigacións apuntan a que en ambos os dous artefactos «se»prendeu a mecha, pero se apagou» o que evitou que chegase a estoupar.

Así mesmo, indicou que os Tedax os «desactivaron», sen necesitar chegar a detonalos, e extraéronos debaixo da caseta onde se atopaban situados. O terceiro artefacto, pegado á base da torre, chegou a deflagrar «pero sen apenas danos», indicou Juárez quen confirmou que si provocou «un pequeno incendio».

O delegado do Goberno explicou tamén que, malia tratarse de «artefactos rudimentarios», tiñan capacidade «destrutiva» e podían facer «un dano importante».

LOCALIZACIÓN DOS AUTORES

Sobre os autores, indicou que proseguen as investigacións para a súa localización, aínda que incidiu en que se trata dun feito «que reviste gravidade». «É un grupo terrorista que se non fai máis dano é porque non pode», incidiu a este respecto.

Ademais, indicou que o Ministerio Interior traballa para «neutralizar» este grupo, mentres que cualificou de «reprobables» este tipo de accións nunha sociedade «democrática».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar