Novo albergue de peregrinos na Vía da Plata ao seu paso por Trasmiras

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e o alcalde de Trasmiras, José Pazos Ojea, inaugurou hoxe neste municipio ourensán o albergue para peregrinos de Viladerrei, na Vía da Prata.

Esta nova instalación, vén incrementar en 30 o número de prazas de albergues para peregrinos da Vía da Prata, que agora xa conta con  376 nas 13 instalacións coas que conta esta vía de peregrinaxe no seu percorrido galego. Deste xeito, con esta incorporación os peregrinos disporán de 3.207 prazas na rede pública de albergues de Galicia. Neste ámbito, coa vindeira posta en servizo dos albergues de Castroverde (Lugo) e Betanzos (A Coruña), o número de prazas totais será de 3.278, o que supón un incremento de case 500  prazas entre os anos 2009 e 2012.

Na súa intervención, Carmen Pardo salientou a actuación da Xunta de Galicia na construción de albergues para peregrinos que no período 2009-2012 supuxo, “un investimento de máis de 5,6 millóns de euros”. Segundo manifestou a secretaria xeral para o Turismo, que tamén estivo acompañada neste acto polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o presidente da Asociación de amigos Vía de la Plata-Camino Mozárabe, José Luis Rodríguez,  “isto pon de manifesto a importancia que a Xunta de Galicia lle da ao Camiño de Santiago, nun dos momentos nos que más axustes se están a producir nos orzamentos públicos”.

Vía da Prata

Por outra parte, a secretaria xeral para o Turismo salientou o pulo que está a acadar a Vía da Prata como ruta de peregrinaxe a Santiago de Compostela que, segundo manifestou, acolleu 14.197 peregrinos que obtiveron a Compostela no último Ano Santo de 2010.

Neste ámbito, nos últimos sete meses polo Camiño do Sueste chegaron a Santiago 5.023 peregrinos, mentres que no mesmo período do ano anterior fixérono 4.753, o que supón un incremento do 5,3%.

Carmen Pardo tamén se referiu ás pernoitas, nos albergues do Camiño do Sueste, sinalando que en 2011 producíronse 24.818, e no que vai de ano “levamos 13.681 pernoitas”.

 

Produto destacado

A secretaria xeral para o Turismo falou tamén da nova estratexia de promoción turística da Comunidade Galega, baixo o paraugas da marca Galicia, gárdasme o segredo? da que penden os dez produtos cabeceira: Camiño de Santiago, Mananciais de Galicia, Faros e praias salvaxes, Patrimonio oculto, Santuarios máxicos, a Ruta da camelia, Turismo mariñeiro, Bosques de Galicia, Paseando entre viñedos e Lugares únicos

Neste sentido, salientou “a importancia que ten o Camiño de Santiago como un dos produtos turísticos máis importantes de Galicia, tanto no eido nacional como internacional”, e como proba referiuse a que no primeiro semestre do ano, o turismo internacional cara a Galicia medrou 1,5 puntos.

Albergue de Viladerrei

Este novo albergue de peregrinos de Viladerrei aséntase sobre unha edificación rehabilitada que ocupaba unha antiga farmacia e que conta con, semisoto, planta baixa e primeira planta, nunha edificación con muros de pedra, dentro dunha superficie total de 412,68 metros cadrados.

O acceso principal ao albergue realízase pola planta baixa mediante recibidor, a xeito de cortaventos para acceder ao salón onde se sitúa a cabina do albergueiro.

A planta alta conta cuns aseos, un distribuidor e dúas estancias para dormitorios. Tamén existe unha galería orientada ao sueste.

O albergue conta con dúas edificacións anexas nas que se atopan o comedor, un cuarto, vestiarios e un lavadeiro-tendedeiro, envorcados ao espazo interior a xeito de eira.

A edificación trata de crear un espazo de fácil comunicación e transición, e buscar unha amplitude de volumes acorde ás necesidades e un mellor aproveitamento da superficie.

Así, xurde un trazado lineal que permite a comunicación entre os diferentes volumes e unha axeitada conexión coa contorna natural envolvente. Os porches permiten unha transición pausada co exterior, conformados como espazos de estancia, paso e visualización.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar