Os socialistas reclaman máis pluralismo no Parlamento

 

O vicevoceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Luis Méndez Romeu, atribuíu este luns a ausencia de «resposta» por parte do Grupo Popular á proposta de recortar soldos aos deputados e outros gastos en lugar de reducir o número de escanos a que o seu obxectivo é «amañar» o resultado electoral e «non buscar un pretendido aforro de custos» nas institucións».

Por iso, en rolda de prensa, anunciou «o traslado formal» ao grupo maioritario da proposta socialista, segundo a cal -dixo- «non se altera o normal funcionamento da Cámara nin da Xunta nin se altera a representatividade popular». Ademais, remarcou que «se multiplica por catro» o aforro a conseguir, ata os 25,6 millóns de euros.

A continuación, xustificou a súa oposición a reducir o número de deputados en que o seu partido mantén «unha posición firme en defensa do pluralismo e do equilibrio entre os territorios», mentres que o PP formula «un amaño dos resultados» ao ver que as enquisas falan dunha «maioría que está en perigo». «É unha situación escandalosa», xulgou.

En canto á proposta da presidenta da Cámara, Pilar Rojo, de reducir o salario aos deputados o «equivalente» a unha paga extraordinaria, Méndez desvinculou esta cuestión explicando que busca «trasladar» a situación dos empregados públicos ao Parlamento. «É independente da supresión de escanos», subliñou.

De volta sobre ese asunto, xulgou que se trata «dunha redución da democracia» que desligou doutras medidas de aforro tomadas «atendendo á evolución da situación económica». «É unha manobra electoral, se quixesen falar de economías nas institucións, aí están as nosas propostas», resolveu o socialista coruñés.

PRIVILEXIOS DA MESA

Despois de que a deputada do PSOE no Congreso Laura Seara reclamase o pasado sábado recortar «privilexios» aos membros da Mesa do Parlamento galego e, en especial, á súa presidenta, citando como exemplo o «piso en Santiago» que se lle asigna, Méndez Romeu defendeu a equiparación dos soldos de todos os deputados.

Se ben admitiu que «sempre poden ser revisados e sometido a un criterio de oportunidade», opinou, non obstante, que gastos como o da residencia do xefe do Lexislativo ou os seus gastos de libre disposición son «custos de funcionamento computados no gasto normal do Parlamento dende hai tempo».

Non obstante, facendo súa unha frase a miúdo empregada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o deputado socialista considerou que «sempre é posible facer máis con menos».

Precisamente do mandatario autonómico criticou que prefira seguir «un debate tan pouco construtivo» como o da supresión de deputados mentres protagoniza «unha ausencia clamorosa» nos principais asuntos económicos de Galicia. «O final de lexislatura é a constatación do fracaso da súa política industrial e económica», sentenciou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar