Medio millón de chamadas en 6 meses ao 012, Atención ao Cidadán

O teléfono de Atención e Información ao Cidadán da Xunta de Galicia, 012, xestionou preto de medio millón chamadas no primeiro semestre do ano 2012, o que converte a este servizo na referencia telefónica da Xunta de Galicia para o cidadán.

Así o anunciou conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, que esta mañá visitou a sede do 012 no Polígono de San Cibrao das Viñas, acompañado do delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e do conselleiro delegado do grupo Netaccede -ao que pertence Contactnova, empresa que xestiona o 012-, Marcelino Otero.

O conselleiro explicou que de xaneiro a xuño deste ano, o número de atención ao cidadán 012 xestionou un total de 494.705 chamadas, ás que lle hai que sumar as 333.284 do segundo semestre de 2011; é dicir, no seu primeiro ano de funcionamento o teléfono unitario atendeu case 828.000 chamadas de persoas que buscaban algún tipo de información relacionada coa Administración galega.

 

DEZ LIÑAS NUNHA

O novo Servizo de Atención e Información ao Cidadán da Xunta de Galicia púxose en marcha en xuño do ano pasado a través do número de teléfono 012, cuxo obxectivo era centralizar a xestión de dez teléfonos de información que operaban de xeito independente e converterse nunha porta de entrada para o cidadán, a través da cal puidese recibir a información e orientación que máis lle interesase.

A unificación destes servizos telefónicos constituía unha medida máis de racionalización e eficiencia na xestión do gasto dentro das tomadas polo actual goberno da Xunta de Galicia. Concretamente, a medida representa un aforro de 1,5 millóns de euros anuais; ademais de supor unha mellora da xestión dunha información fiable, concreta e inmediata, que é o obxectivo primordial deste servizo.

Os teléfonos que se integraron no 012 foron os destinados á información en materia de vivenda (902.100.054); o de información ás mulleres (900.400.273); o teléfono Quérote  (902.141.617); o teléfono Xove (902.152.535); o do Voluntariado (900.400.800); o teléfono de atención aos usuarios do Servizo de Emprego de Galicia (902.125.000 e 902.262.902, para demandantes e empregadores, respectivamente); o teléfono social (900.333.666); e o teléfono 065.

Tamén se incluíu neste servizo centralizado o novo servizo correspondente á área de dependencia da Consellería de Traballo e Benestar -que abarca toda a información xeral en materia de dependencia, a información do trámite administrativo no que se atopan os expedientes iniciados e a xestión de citas de valoración do grao de dependencia- e o teléfono do Agro Galego (902.112.000), que foi o pioneiro e desde abril do ano pasado xa operaba con total normalidade integrado no 012.

Ademais, o conselleiro anunciou nesta visita que se está valorando a petición de integración no 012 do servizo telefónico do Centro de Transfusión de Sangue de Galicia, polo que a xestión telefónica do número de Atención e Información ao Cidadán da Xunta podería ampliarse proximamente.

A integración de teléfonos no número unitario 012 ofrece unha serie de vantaxes para o usuario como é a sinxeleza do número, fácil de recordar e marcar; a coherencia na información; ou a oferta dun servizo integral, posto que o mesmo operador pode responder calquera consulta realizada polo cidadán, independentemente da súa tipoloxía.

Ademais, o 012 ofrece varias canles de comunicación, tanto para a demanda de información como para a súa recepción, porque xunto ás convencionais chamadas telefónicas, tamén se pode empregar o correo electrónico e as mensaxes SMS. Mediante estes tres sistemas, o usuario poderá recibir tamén solicitudes, formularios, folletos, trípticos e incluso avisos e alertas.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar