Mantense a gratuitade en Rande e Dozón

   O conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio da Xunta de Galicia, Agustín Hernández, confirmou que en 2013 a Xunta de Galicia manterá as subvencións que permiten a gratuidade dos tramos de Rande e A Barcala da AP-9 e da AG-53 entre Dozón e Cea, o último tramo da autovía a Ourense.

En declaracións aos medios de comunicación tras participar nun acto en Ferrol, Hernández asegurou que se trata «dun compromiso que figura nos presupostos» da Xunta de Galicia e «vai seguir estándoo» en 2013, se ben puntualizou que esa subvención é un «tremendo esforzo».

Así, sinalou que no caso do Morrazo, a Xunta inviste «5 millóns de euros aos que hai que engadir outros 5 do Ministerio de Fomento, e o pagamento do tramo libre entre Lalín e a A-52 ten unha incidencia no presuposto autonómico de máis de 14 millóns de euros.

O conselleiro de Medio Ambiente remarcou o «esforzo» que supón esta subvención, como froito dunha «realidade contractual» e «o compromiso asinado». Manifestou que neste momento «é un tema pechado».

SENSIBILIDADE DE AUDASA

Non obstante, Agustín Hernández indicou que a concesionaria da AP-9 debería ter «certa sensibilidade cara ao territorio», posto que é a autoestrada do Estado «cunha política comercial menos sensible ás necesidades do territorio».

Hernández engadiu que poderíase «manter o nivel de ingresos e beneficios da empresa pero modificar a fórmula de pagamento» para que se tivesen en conta casos de «mobilidade obrigada» dos que teñen que utilizar a autoestrada para acudir ao traballo.

O responsable das infraestruturas autonómicas sinalou que o Ministerio de Fomento está a negociar coa empresa concesionaria para a realización dunha actuación concreta na circunvalación de Santiago e a ponte de Rande, pero matizou que non tiña «máis información ao respecto».

USUARIOS FRECUENTES

En cambio, avanzou que a Xunta está analizando coa concesionaria das autoestradas de competencia autonómica da Coruña-Carballo e do Val Miñor a posibilidade de «incrementar e mellorar» os descontos «nas viaxes frecuentes» e poder realizar unha «discriminación positiva».

«É posible facer unha reflexión sobre a fórmula de pagamento dos usuarios para poder facer unha discriminación positiva para os cidadáns que teñan que utilizar esta autoestrada para o seu traballo diario», afirmou Agustín Hernández.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar