Xornadas de Folclore de Ourense, na que participarán 300 músicos e bailarines

 

Uns 300 bailaríns e músicos procedentes de 8 países daranse cita en Ourense entre os días 6 e 15 de agosto nas «XXIX Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense», o evento folclórico máis importante de Galicia, que levará a 16 concellos da provincia a danza, a música e as tradicións culturais de países como Arxentina, Rusia, Indonesia, Xeorxia, México, Perú e Venezuela.

Na presentación do festival, que tivo lugar hoxe na sala de xuntas do Pazo Provincial, estiveron presentes o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón; o director artístico das Xornadas, Xulio Fernández Senra, e a xefa territorial de Cultura, Mercedes Gallego. Rosendo Fernández destacou «a importancia das Xornadas, que sitúan cada verán a Ourense como aglutinador do folclore e da cultura de moitos países que nos visitan coa súa música e danzas». Fernández destacou que a pesares de que este ano as Xornadas teñen unha redución dun 20% no seu orzamento «faremos máis con menos, e seguiremos mantendo a calidade do espectáculo porque así o merecen os milleiros de ourensáns e visitantes que ano tras ano, dende 1984, son fieis seguidores deste magnífico evento cultural».

Pola súa banda, a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, destacou que o orzamento para este ano é de 186.500 euros, e agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia, dos concellos, da Confederación Internacional de Festivais, das embaixadas e dos propios grupos, «porque entre todos somos quen de sacar adiante un ano máis o evento que máis espectadores reúne da provincia de Ourense».

Tamén se referiu a isto o director artístico das Xornadas, Xulio Fernández Senra, quen dixo que a pesares da crise e das dificultades económicas «conseguimos unha planificación axeitada, tanto dos grupos como da montaxe técnica, para que a calidade do espectáculo siga sendo máxima, e os espectadores poidan ver en cada representación a 120 artistas no escenario, co apoio das case 100 persoas que traballan na organización das Xornadas».

As coreografías e melodías de Asia, América e Europa percorrerán durante nove días os concellos de Bande, O Barco, O Carballiño, Maceda, Allariz, Manzaneda, Ribadavia, Trives, a Rúa, Castro Caldelas, Celanova, Xinzo de Limia, Ourense, Entrimo, Viana do Bolo e Verín.

O vindeiro 6 de agosto terá lugar no Teatro Principal a recepción dos grupos e a cerimonia de apertura das Xornadas, e a partires desa data comezarán as actuacións nos diferentes concellos da provincia. A recepción oficial no Salón de Plenos da Deputación de Ourense será o día 9 de agosto.

Segundo os organizadores, en todas as edicións a resposta do público de Ourense foi masiva e agárdase que novamente se repita este ano o gran apoio dos espectadores, feito que levou a este festival a consolidarse como o mellor que existe en España no ámbito do folclore internacional.
Programa completo das Xornadas

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar