O conselleiro Guerra afonda nas relacións con México en construcción naval

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, que participa estes días no segundo encontro México- Galicia sobre construción naval, está a aproveitar a súa viaxe ao país americano para estreitar lazos coas institucións mexicanas e establecer contactos que permitan abrir novas posibilidades de negocio para as empresas galegas.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e o secretario de Economía do Estado mexicano de Baja California, Alejandro Mungaray

Neste sentido, Guerra mantivo na cidade de Ensenada un encontro co secretario de Economía do Estado de Baixa California, Alejandro Mungaray, no que se exploraron posibles vías de colaboración e no que se destacou a aposta da Xunta pola internacionalización, a innovación e a mellora competitiva das empresas galegas como principais eixos da política económica do Goberno galego.

 

O conselleiro puxo de manifesto que México é un dos principais mercados de interese para as empresas galegas, e salientou o importante papel que está a desenvolver na implantación de compañías neste mercado americano a plataforma en México DF da Rede Pexga, posta en marcha en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia para impulsar a apertura a novos mercados do tecido empresarial galego, apoiando en destino as accións de internacionalización  das empresas galegas e procurando a captación de investimentos estranxeiros cara a Galicia.

 

Dentro da axenda do conselleiro de Economía e Industria e a delegación do clúster galego do sector naval, Aclunaga, tamén se incluíu un encontro coa Comisión de Promoción Económica de Ensenada, na que tamén participaron empresarios desta cidade de Baixa California.

 

Este estado conta con unha das economías máis abertas e competitivas do país, e é un exemplo de internacionalización empresarial, ao ser fronteira con California e Arizona, e ser tamén accesible aos países asiáticos. Isto converte a súa posición xeográfica nun activo no mercado global. Así, este estado ocupa o terceiro posto de investimento estranxeiro en México e cuarto en movemento portuario de carga.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar