Homenaxe ao «gaiteiro de Ventosela»

O gaiteiro Marco Foxo di que gravar un CD con músicas inspiradas no gaiteiro máis famoso de Galicia e precursor da modernidade deste instrumento «é unha honra e unha gran responsabilidade». Así o afirmou hoxe na presentación do traballo «Músicas do gaiteiro de Ventosela Xan Míguez González (1847-1912)», un CD no que Marco Foxo, acompañado ao clarinete por Xosé Lois Tielas; ao redobrante por Jonathan Ferreira; ao bombo por Iago Alonso, e coa colaboración das cantareiras da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, fai un percorrido por diferentes estilos da música galega, sempre baseado na obra de Xan Míguez.

 

A presentación tivo lugar na sala de xuntas do Pazo Provincial, e contou coa presenza do gaiteiro Marco Foxo; do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do profesor Xesús Alonso Montero; da bisneta de Xan Míguez, Maite Varela; acompañados de Clodomiro Montero e do director da Real Banda, Xosé Lois Foxo, así como de alcaldes e representantes dos concellos ddo Ribeiro: Arnoia, Beade, Castrelo, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia.

Xosé Lois Foxo explicou que é importante «dignificar o noso e poñer en valor a músicos que tanto fixeron pola cultura galega como foi o gaiteiro de Ventosela, que foi o primeiro en lucir o traxe tradicional galego e en abrir a gaita a outros usos diferentes aos relixiosos e procesionais, dándolle así un carácter de ocio e divertimento que ata ese momento non tiña». Foxo destacou que Ourense é a provincia que máis representacións iconográficas ten de gaiteiros, «e por todo elo, o feito de seguir preservando a nosa cultura musical é unha obriga que temos».

Pola súa banda, Rosendo Fernández destacou «o gran salto á modernidade que supuxo a música do gaiteiro de Ventosela, quen no último treito do século XIX foi que de ampliar o horizonte musical», e loubou o traballo de investigación e estudo de Marco Foxo «convertido en realidade con esta obra musical que nos permite conservar neste CD unha parte importante da historia musical de Ourense».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar