Cinco adegas galegas crean a asociación “Singular Galician Cellars”

 

Cinco adegas galegas uníronse para crear a asociación denominada ‘Singular Galician Cellars’, co obxectivo de facer promoción dos seus viños no estranxeiro e afianzarse no mercado exterior. Adega Eidos, Sociedade Agraria de Transformación Virxen dos Remedios, Adega Santa Marta, Adega Pena das Doas e Adegas Valdavia (na fotografía inferior)  son empresas “pequenas e familiares” que, por separado, carecen de capacidade económica para asumir os gastos que leva consigo a súa internacionalización.

 

Adega Valdavia, no Ribeiro

En declaracións a Europa Press, o axente de exportación deste novo colectivo, Francisco Santiso, explicou que o mercado nacional está “en recesión”, mentres que o internacional “se mantén”, polo que “ou se asocian, ou as adegas pequenas non teñen posibilidades” para expandirse e exportar os seus produtos. Aínda que a iniciativa se forxou en marzo en Barcelona, durante a Feira Alimentaria, ‘Singular Galician Cellars’ constituíuse formalmente o pasado mes de xullo e na actualidade a asociación está a desenvolver a súa imaxe corporativa, a súa páxina web e o seu catálogo.

Apuntan ao mercado “americano, holandés e belga”, pero centraranse especialmente no ámbito europeo pola súa “proximidade”. Entre os potenciais clientes desta organización, Santiso destaca a “importancia” de países como Alemaña, sen descartar dirixir a súa atención cara a terras nipoas, ao tratarse dun espazo comercial “moi sólido”.

XAPÓN E ALEMAÑA

Xapón será, precisamente, o primeiro destino da acción coa que ‘Singular Galician Cellars’ vai inaugurar a súa traxectoria, na ‘Spain Gourmet Fair’ de Tokyo, o 3 e 4 de outubro. Seguiralle, o 23 e 24 dese mesmo mes, a ‘Ein Tag für Wein aus Spanien’, unha exposición nas cidades de Colonia e Berlín, coa participación de varias adegas españolas. Ambas as dúas citas, baixo o paraugas do Instituto Español de Comercio Exterior, promotor da marca Vinos de España. E en maio de 2013 exporán os seus produtos ante os operadores foráneos que acudan á Feira Nacional do Viño (Fenavin) de Cidade Real.

Segundo Francisco Santiso, “trátase de buscar a forza das cinco adegas”, que forman un grupo “ben avido” de produtores, os viños dos cales “teñen moi boas cualificacións, superiores aos 90 puntos” nas listas especializadas a nivel nacional e internacional. Os seus propietarios son “xente nova e cunha mentalidade comercial aberta”, engade o axente de ‘Singular Galician Cellars’ que, xa con ese lema en inglés suxire que os socios dan un trato “íntimo e personalizado” ás súas elaboracións e que consideran “fundamental” a súa condición de galegos.

Algúns deron os seus primeiros pasos no panorama internacional a través do Plan de Iniciación á Promoción Exterior do Consello Superior de Cámaras de Comercio que, durante dous anos, lles supervisou e subvencionou nos inicios da súa proxección máis alá de España. “Sácaselle máis beneficio aquí a unha botella que fóra”, explica o propietario de Eidos, Marcelo Radío, “pero aquí o mercado está moi machucado, mentres que alá prima a calidade e logo o prezo”.

Rusia, Bélxica, Holanda, Suíza e Brasil son algúns destinos do albariño que produce esta adega fundada no ano 2000, que elabora anualmente unhas 60.000 botellas de viño procedente das súas 2 hectáreas de viñedo e da colleita de 35 viticultores afincados nas abas de Padriñán, en Sanxenxo. “Subsistimos da exportación”, sinala o responsable de Eidos, que destina ao estranxeiro o 70% da súa produción, adscrita á Denominación de Orixe Rías Baixas.

SINERXÍA

Para Marcelo Radío, a creación de ‘Singular Galician Cellars’ é unha “sinerxía” entre adegas “análogas na imaxe e a calidade” dos seus caldos, pero distintas en canto á súa procedencia. Virxen dos Remedios e Pena das Doas -fundadas en 1992 e 2005, respectivamente- pertencen á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, pero mesmo entre si son “distintas”. Antonio Lombardía, de Pena das Doas, ten claro que “o futuro está na exportación”, que xa supón o 40% de canto produce para a súa venda en Estados Unidos, Puerto Rico, Canadá e Inglaterra.

Virxen dos Remedios embotella unhas 80.000 unidades -o dobre que Pena das Doas- cuns custos moi elevados debido a que as súas catro hectáreas de viñedos están dispostos en bancadas, polo que “todo o traballo se fai a man”, precisa Juan Carlos Varela. En cambio, a súa experiencia internacional é moi escasa, aínda que á vista de que “aquí as cousas se poñen difíciles”, está decidido a levar fóra os seus tintos da variedade mencía. Para empezar, ten asumido que ‘Singular Galician Cellars’ terá que loitar moito para posicionarse, porque non será “chegar e bicar o santo”.

Dende a Denominación de Orixe Valdeorras, Santa Marta xa leva dous anos abastecendo cos seus elaboraciones de godello, mencía e sousón -unha variedade autóctona- o mercado de Estados Unidos, Xapón, Bélxica, Holanda, Reino Unido e Polonia. “Ata agora solo supón o 15%, pero isto ten que subir”, asegura a propietaria, María Jesús Álvarez. A empresa, que data de 1998 e ten 28 hectáreas propias e controladas, empeza a padecer os efectos da crise: “O consumo de viño por persoa baixou moito, hai máis adegas e o mercado nacional está moi apertado”.

Nestas circunstancias, María Jesús Álvarez busca en ‘Singular Galician Cellars’ a oportunidade de “levar fóra” unha parte das 250.000 botellas anuais de Adegas Santa Marta “para tapar o que falta aquí”, argumentando que “se es pequeno, tes que unirte, o camiño é ese”.

A última en asociarse foi Valdavia, que apenas produce unhas 15.000 botellas, con aspiracións a alcanzar as 25.000 nun prazo de cinco anos. Alberto Úbeda herdou do seu avó esta adega do Ribeiro que abrangue dúas hectáreas de terreo e as orixes do cal se remontan ao século XII a través dos frades do mosteiro de San Clodio. O mercado foráneo é un terreo virxe para esta empresa, que poderá estrearse nas feiras internacionais da man de ‘Singular Galician Cellars’.

Das cinco denominacións de orixe existentes en Galicia, a única sen representación é Monterrei. “Non pechamos a porta”, indica Francisco Santiso, que aínda non tivo contacto con ningunha adega desa demarcación que reúna o “perfil” axeitado. De momento, os actuais socios compartirán os gastos de contratación do seu axente de exportación común, de viaxes, axudas de custo e custos de asistencia a feiras. Pero tamén se beneficiarán dos contactos que teñen entre todos e, a xeito dunha central de compras, buscarán os mellores prezos para subministrarse caixas e botellas.

No mundo “dinámico e bonito” do viño, o mercado é, non obstante, “cada vez máis competitivo e difícil”, advirte Santiso. Por iso, a decisión de poñer en marcha esta “iniciativa conxunta”, como a define Antonio Lombardía, permitiralles cumprir un reto empresarial que, en solitario, fose “inviable”, conclúe María Jesús Álvarez.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar